Opinión

Coa nosa emigración

Van ser uns días cheos de emoción e agradables reencontros, con moitas desas persoas que forman ou formaron parte da nosa emigración, e aos que tanto lles ten que agradecer este país e dos que todas as xeracións presentes e futuras deberían documentarse para recoñecerlles todo o que aportaron á hora de facer unha Galicia máis próspera.

Este mesmo sábado ao mediodía terei a oportunidade de exercer de mestre de cirimonias nos actos de confraternización que se celebran no Concello de Arnoia, no marco da VIII Xuntanza da emigración que congrega a máis de mil asistentes chegados desde toda galicia e desde medio mundo. Uns actos que contarán coa actuación do Bruxo Queiman e Andrea Pousa antes de que o alcalde Rodrigo Aparicio, o coordinador Federal das asociacións galegas en Alemaña, Ramiro Vieito, e o Presidente do goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, se dirixan aos asistentes. Haberá entrega de placas e recoñecementos, e por suposto un xantar de irmandade.

E sen sair da provincia de Ourense, tamén terei o pracer de presentar os actos da Xuntanza anual da Federación de entidades galegas en Cataluña, que o ano pasado en Vila de Cruces quixo honrarme cun dos seus Premios “Alecrín” no apartado de comunicación. Nesta edición o Liceo de Ourense, que recibirá o Premio á institución cultural, será quen acolla o xoves día 11 a todas cantas persoas desexen unirse a esta entrañable festa da emigración galega en terras catalás. Os actos oficiais comezarán coa benvida de Manoel Carrete, xoven e incansable Presidente do centro galego de Barcelona, e rematarán coa actuación da nosa cantora María do Ceo, que entre outras pezas interpretará o himno da asociación, o “Alecrín dourado”. Subirán ao escenario para recibir tan prezados galardóns a académica Charo López no ámbito da cultura, a Real banda de gaitas da Deputación no da Música, o pintor Antón Lamazares no da arte, Miguel Santalices no de traxectoria Profesional, La Región Internacional polos seus 50 anos no ámbito da comunicación, o Clube Obradoiro de Baloncesto no do deporte e a conserveira Bateamar no eido empresarial. Xustamente co xerente desta importante empresa ManuelAabal estivemos xantando esta mesma semana, acompañados de María do Ceo e do seu marido Pepe, no novo Restaurante “Chocolate” recentemente inaugurado por el nas terras pontevedresas de Meaño. Alí confesounos Manuel a ilusión que lle facía acudir a Ourense para recibir un dos “Alecrín” desta edición de 2016, dada a excelente relación que mantén con moitos dos emigrantes galegos en Cataluña, a onde chegan os seus exquisitos productos. Uns productos que a bó seguro estarán nas mesas de todos aqueles que se acheguen ata o Liceo de Ourense para disfrutar dun xantar no que poderemos compartir moitas das vivencias de todo un ano, as de aquí e as de alá.

Por se faltara algo, tamén tiven a oportunidade de estar esta semana no Carballiño xantando co meu amigo Luis Portabales, chegado de terras mexicanas con parte da súa familia para disfrutar duns días de descanso, co seu irmán Carlos e con outros bos amigos cos que demos conta dunhas excelentes viandas preparadas de xeito maxistral no Restaurante Lamela de Dacón 

Te puede interesar