Opinión

Diego Nóvoa

Sempre é un pracer recibir no plató de televisión a xente nova que chega con todas as ganas do mundo para mostrarnos todo o bó que levan dentro. É o caso do artista ourensán Diego Nóvoa que estará esta mesma noite de sábado no “Bamboleo” para cantarnos cancións do seu primeiro disco “Nueve”, que así se titula por ser xustamente nove o número de temas que inclúe. Para os amantes do pop en Ourense xa é un vello coñecido a pesar da súa xuventude, xa que antes desta aposta en solitario xa despuntaba con soamente trece anos co seu anterior grupo “MD4” do que se poden ver varios videos en internet; pero hai un antes e un despois da súa actuación no “Ourense Dance”, que cada ano o amigo Vidal López de “Cadena 100” se encarga de organizar no Xardín do Posío con miles de fieles entregados ás causas da música e da solidariedade, onde os máis novos se dan conta de que cun pouco de todos pódese axudar un moito a quen máis o precisa.

“De caste vénlle ao galgo”, porque Diego Nóvoa é fillo dun dos músicos máis coñecidos e queridos da capital ourensá, o amigo Chicho, que por algo foi o pianista oficial do Pub “Biher” da Rúa Curros Enríquez durante moitos anos, despois de ter formado parte da orquestra “Blues 69”, nos tempos nos que tamén triunfaban “Llama” e “Espiga”. E, ao igual que seu pai, leva a espiral da música desde ben pequeno, querendo facer canto no Conservatorio aínda que pola súa corta idade rematase recibindo clases de saxo; isto faciao ao mesmo tempo que cursaba estudos no “Santo Angel” onde por méritos propios chegou a ser solista do coro, despois de que pasase a dura proba de ter que representar a “Pocahontas” nun festival do colexo. Sempre hai un pasado. Coa súa banda “MD4”, e versioneando os Rolling, a Queen ou a Pink Floyd, chegan a ser teloneiros de “Lorca”, un excelente cantante que chegou a triunfar co seu primeiro disco no que incluía temas de éxito como “Monedas al río” ou “100 años de cama”; e tamén telonean a Rosario na súa actuación nas festas do Carballiño.

Aínda que lle quede percorrido a este primeiro disco de Diego Nóvoa, o artista xa está pensando nas cancións que conformarán o seu segundo traballo, no que pretende introducir un son, ao seu dicir, máis “groove” e máis “british”; volverá da man de “Zouma Prdocucciones” que se encargou do primeiro lanzamento, con Sebastián Mato e Carlos Barandela como productores e coa masterización ourensá de “Desfase Sound”.

Na miña conversa con Diego, previa ó programa desta noite na Galega, aproveito para preguntarlle polo curioso nome do seu local de copas no casco vello da cidade, o “Pub “Maitines”, ó que me contesta que é un pouco en homenaxe ó Mosteiro de Oseira onde a súa nai Mila exercía de guía, coincidindo esa hora canóniga na que os monxes rezan as súas primeiras oracións coa hora de peche do seu local. Esto cóntamo escachando coa risa, este ourensán que estudou turismo pero que desexa seguir facendo boa carreira no mundo da música. Esta noite estará ben acompañado no programa co grupo malagueño “Efecto Mariposa”, o galego “The Lákazans”, e a Orquestra Cinema.

Te puede interesar