Opinión

Eurovisión 2014

Chegou o gran día para os neurovisivos, posiblemente coas mesmas sensacións que terán os futboleiros coa súa final da Champions lisboeta. Estiven a piques de ir a Copenhague, pero impedíumo o estar gravando a nova tempada de “Bamboleo”, que comezará a emitirse en breves datas. Pero a información que lles transmito é absolutamente fidedigna transmitida en directo polo meu amigo e corresponsal particular Felipe Vieira, que leva toda a semana en terras danesas vivindo de cheo os prolegómenos do Eurovision Song Contest, acompañado de Oscar Cabaleiro co que leva compartido en directo moitos festivais por toda Europa. Eu coñecín a estes eurofans na “Sesión Vermut” da Radio Galega, onde por estas datas sempre adicábamos moitas horas á historia de Eurovisión, festival do que eles saben absolutamente todo, como os neurovisivos ourensáns Eliseo e Chicho Cantero que tamén levan toda a semana por Escandinavia.

COPENHAGUE É UNHA FESTA

Oprimeiro que me conta Felipe é que posiblemente a delegación de eurofáns máis numerosa sexa a de españois, seguida de alemáns e británicos; pero que cada ano son máis as lexións de xente moi nova que se incorpora ós festiváis chegando mesmo de Azerbaiján, país que tamén organizou o seu festival intentando vender turismo como o fai exponsorizando ó Atletico de Madrid. Non me estraña que toda a cidade danesa estea convertida estes días nunha festa multitudinaria porque xa hai dous meses, cando eu a visitei nunha viaxe de fin de semana, xa había un prequecemento eurovisivo nas principais prazas da cidade con eses macro marcadores que indican os días que faltan para o evento. Desde que chegas ó aeroporto xa sintes que estás nunha cidade eurovisiva, con guías que te moven polos centros neurálxicos do festival, fundamentalmente polo “Euroclub” e o “Eurocafé”, onde cada noite se cantan e bailan as cancións que fixeron historia en Eurovisión, con actuacións en directo de intérpretes de todos os tempos e mesmo varios karaokes para que os eurofans poidan imitar ós seus ídolos.

AS SEMIFINAIS

Nas dúas semifinais que preceden á gran final de hoxe xa se puido ver que imos asistir unha vez máis ó maior acontecemento audiovisual do ano, onde a tecnoloxía punta, a perfecta realización e un despregue de medios sen precedentes deixarannos boquiabertos; porque ademáis os países nórdicos viven o festival ata a médula, dedicándolle todos os esforzos e aproveitando a súa millonaria audiencia para vender turismo. Listos que son. Dime Felipe que o gran enfado do pobo danés foi pola eliminación de Portugal, que levantou o público dos seus asentos e conseguíu ser a máis coreada e bailada polas rúas e discotecas de Copenhague, ó ser a canción máis festeira xunto coa de Israel, que tamén quedou eliminada para disgusto do público; un país éste que coida ó máximo as súas festas previas ofrecendo moitos productos típicos do país e ás que acoden centos de persoas. Vaise botar de menos a participación destes dous países que serían a nota máis alegre nun festival cheo de baladas e medios tempos. Como anécdota curiosa quedou esa intervención fora de concurso dos australianos, que mesmo fixeron o guiño de deixar Oceanía para recolocar o seu país entre Dinamarca e Gran Bretaña e así poder participar no festival.

AS FAVORITAS

Aínda que éste promete ser un festival moi aberto no que poden aparecer sorpresas como Grecia, que gustou moito ó público máis familiar, hai que destacar que compiten os cinco países escandinavos que non deixarán de apoiarse entre sí, entre os que Suecia figura como gran favorita; tamén o son o Reino Unido, Países Baixos cunha gran posta en escea e, por suposto, a gran Conchita Wurst representando a Austria con toda a súa barba, que levou a máis grande ovación do público congregado no B&W Hallerne de Copenhague, favorita para os daneses e mesmo para a presentadora do festival que non se cortou nada á hora de piropeala. En contraposición, a canción rusa foi fortemente abucheada, non tanto pola mala calidade das súas representantes como pola política homófoba practicada polo réxime de Putin.
Non está mal situada a representante española nas casas de apostas que a sitúan entre as dez primeiras, e eu estou convencido de que a murciana fará unha grande interpretación dada a súa potente voz. A posta en escea será como está previsto fantástica, porque se hai unha palabra coa que definen os meus correspondes eurofáns en Copehague ó festival deste ano é “espectacular”.

Te puede interesar