Opinión

A Eurovisiva Ruth Lorenzo

A cantante Ruth Lorenzo
photo_camera A cantante Ruth Lorenzo

A unha semana da celebración do Festival de Eurovisión en Rotterdam, teremos o pracer de recibir no plató de “Bamboleo” a Ruth Lorenzo, esa pedazo de artista que cada vez que colle un micrófono déixanos a todos coa boca aberta. Cando estou diante dela sempre penso que é unha pena que os telespectadores soamente poidan gozar dunha parte da súa voz, salvo que na casa poñan a tele a tope de volume ata que os boten do edificio. Ver a Ruth Lorenzo cantar en rigoroso directo ao seu ladiño xúrolles que pon a pel de pita, como nola puxo tamén cando se presentou no escenario eurovisivo de Copenhague no 2014 onde acadou un décimo posto que nos soubo a pouco dada a calidade da súa interpretación, eloxiada pola mesma Conchita Wurst, gañadora do Certame e amiga da artista murciana. Tanta foi a aceptación dos eurofáns por Ruth que TVE española barallou a posibilidade de que recuncase en Eurovisión na edición de 2020, aínda que finalmente fora elexido o seu amigo Blas Cantó, a quen Ruth coñece e quere ben desde que fose coautora de varias cancións para o primeiro disco de “Auryn”, a banda na que militaba Blas e que competira duramente coa nosa Lucía Pérez para representar a España en Düsseldorf. Con repecto á participación de Blas en Eurovisión a súa paisana murciana dí que Blas non precisa consellos e que ten o talento suficiente como para representar ao noso País coa cabeza ben alta, indistintamente do posto que obteña, que xa sabemos que iso non depende moitas veces da calidade da canción ou da interpretación. Como nos confesou o artista hai un par de semanas en “Bamboleo”, el vai ao Festival a gozar con esa balada tan intimista e sentida que lle fará vivir un dos mellores momentos da súa vida sobre os escenarios. Cando me confesaba isto no plató, eu que estaba ao seu lado, vin como se lle humedecían os ollos da emoción ao recordar á súa avoa, falecida por coronavirus meses despois da morte do seu pai. Blas compartíu nas redes sociais a profunda dor polo pasamento do “motor da súa vida”, a que lle ensinou todo e a que os criou e coidou a todos. A ela estará dedicada sen dúbida a actuación no escenario de Rotterdam do próximo sábado.

Son as vidas persoais dos artistas que admiramos, como foi e segue sendo a vida de Ruth Lorenzo, quen na súa etapa londinense era súper coñecida e querida polos máis de 15 millóns de telespectadores británicos que seguían “The X Factor”, onde os deixaba coa boca aberta cantando temas como o “Purple Rain” do controvertido Prince, coa polémica incluída de que nun principio a familia do artista americano mandou retirar o video do Canal de YouTube onde era un fenómeno viral con millóns de visitas; e con eloxios chegados desde o todopoderoso Simon Cowel ata o actor Johnny Deep, o grupo Take That ou o entón primeiro ministro Gordon Brown. Moitos británicos desexaban que Ruth representase ao seu País en Eurovisión, pero sería Irlanda quen lle ofrecería en firme tal posibilidade de ir a Moscú, que Ruth rexeitou por non sentirse preparada nese momento. Así de responsable é a nosa artista. Responsable e comprometida tamén con causas importantes, como a loita contra o cancro de mama, o acoso escolar, ou os dereitos do colectivo LGBTI.

Hoxe cantaranos cancións de “Crisálida”, o seu último traballo que verá a luz íntegramente neste 2021, nun momento importante da súa vida que Ruth califica de “renacemento”.

Te puede interesar