Opinión

Falando con Sergio Dalma

Ao final cumpríronse os peores agoiros e non puido comezar a xira deste 2022 tal como tiña previsto no emblemático Gran Teatre del Liceu de Barcelona. Así o falabamos no camerino do plató de Bamboleo uns minutos antes de comezar a gravación do programa que se emitiu hai unha semana. Era unha pregunta que eu tiña que facerlle en directo, pero os dous sabiamos que a resposta estaba moi condicionada pola situación da COVID no día de mañá domingo, que era cando Sergio Dalma ía presentar o seu novo disco e espectáculo titulado “Alegría”. Neste caso foron algúns casos de contaxio no equipo do propio artista os que lle fixeron que houbera que aplazar o concerto no que tiña postas tantas ilusións; desde aquel mes de marzo de 2020 no que comezaba a darlle forma a este novo disco, composto por cancións totalmente inéditas, cousa que non ocorría desde o “Dalma” de 2015. Un disco saído da situación de pandemia, no que o artista catalán quixo poñer en valor a alegría das pequenas cousas, cun obxectivo claro, “facer sorrir ao público despois dun periodo tan gris das nosas vidas” e nas súas propias palabras: “atopar a luz cando aparentemente só hai escuridade, rebaixar o ton e a crispación, que haxa empatía. Sorrir!, simplemente porque nos apetece. Bailar pegados ou despegados, pero Bailar!

Unha preciosa declaración de principios dun home que leva ás súas costas 21 discos en trinta e dous anos de carreira, con máis de catro millóns de copias vendidas e que consegue reunir nos seus concertos a varias xeracións de seguidores acérrimos, desde que no ano 91 puxera a medio mundo a “Bailar Pegados” desde o escenario dos Estudios “Cinecittà” de Roma onde o cuarto posto en Eurovisión significou o despegue meteórico da súa carreira, un festival no que conseguiu obter puntos de todos os países participantes excepto Dinamarca e, curiosamente, Italia, un país do que todos pensabamos que proviña o noso artista cando comezaba a despuntar con “Esa chica es mía”, coa voz rachada tan característica que asemellaba aos grandes cantantes italianos que triunfabon en España. Desde aquela son moitos os países hispanos onde Sergio é un deus, as súas xiras arxentinas, por poñer un exemplo, fan que percorra todo o País durante un mes enteiro con actuacións diarias.

O ter compartido o mesmo mánager permitiume estar moitas veces ao seu carón, entrevistalo na radio e na tele, e xantar tranquilamente falando do divino e o humano, mesmo en momentos ben complicados da súa vida persoal e profesional, dos que sempre saíu airoso e máis forte. E con esa forza chega ese novo “Alegría” no que volve o Sergio máis potente do directo, no que quere contaxiarnos a vitalidade que tanto o caracteriza, e “un sorriso necesario nestes tempos de tanta crispación” en palabras súas; e nós que llo agradecemos, porque efectivamente estamos vivindo uns tempos tan convulsos a todos os niveis que non sabemos a onde iremos a parar.

Menos mal que sempre estará aí a música como bálsamo terapéutico, e se dunha vez o virus nolo permite estaremos no patio de butacas do Palacio de Congresos de Santiago para aplaudirlle a este artista e amigo que nos visitará o día 26 de marzo para ofrecernos, por suposto, os seus grandes éxitos de sempre e todo o bo que está incluído no seu último disco, que tiven o pracer de recibir firmado e dedicado das súas mans cunha cariñosa mensaxe,  “Xosé Manuel, gracias por tanto cariño y amistad de tantos años”. Eu só podo dicir gracias a ti Sergio, querido Josep Sergi Capdevila.

Te puede interesar