Opinión

Hai artistas

Pois si, hai artistas e hai artistas, estes últimos nese sentido tan peculiar que temos os galegos para dicir iso de ¡menudo artista estás feito! Crédeme que hai veces que me gustaría falar deses outros artistas, non artistiñas, que esa palabra está reservada en Ourense para os grandes das artes a través dos tempos; falo dos “repunantes”, dos que todo lles está mal por moi ben que os traten, dos que nunca queren ensaiar, aínda que cobren polo seu traballo, dos que van rodeados dunha corte de aduladores palmeiros que os apartan do resto dos mortais, dos que aínda seguen renegando de firmar un autógrafo ou facerse unha foto con media ducia de incondicionais que os adoran e os agardan. Pois deses tamén hai, son os menos, ben é certo, pero habelos hainos e hainas. É unha pena que pola prudencia que se me presume non poda dar nomes, o que faría con sumo gusto, sobre todo para facerlle xustiza ós compañeiros que teñen que lidiar con eles e con elas, desde os productores e relacións públicas ata os conductores e guionistas, porque o seu xeito de actuar desde que chegan os aeroportos ata que se van pola porta é como para editar un tratado da impertinencia. Na maioría dos casos actúan de xeito diferente según lles vaian as cousas, se están na crista da onda ou participando nalgún programa a nivel estatal non hai que os ature, pero se están en horas baixas e hai que promocionar disco son todo facilidades, mesmo son quen de probar calqueira das larpeiradas ou excentricidades coas que Gayoso queira sorprender esa noite á audiencia. Eu cheguei a pensar incluso se a algún ou a algunha lles falta algún fervor, porque non pode ser normal a súa maneira de reaccionar tanto enriba como por detrás do escenario; o grado de insensatez e de imprudencia é de tal calibre que un chega a dubidar de que estean no seu san xuizo.

Pero, en fin, logo están os que saben do oficio, os que desde que entran pola parte saben que a rapaza que os recibe é tan importante como o presendador do espectáculo; saben que a figuración e o ballet son os seus aliados, saben que de como se porten cos operadores de cámara, técnicos de son e iluminación, rexedores, realizadores e o longo etcétera que compón todo un equipo televisivo, pode sairlles unha actuación bordada ou simplemente correcta; porque todos somos humanos, e aínda que profesonais tamén é verdade que, facendo uso dese lema que a min tanto me gusta de “amor con amor se paga”, non tratamos por igual ó déspota que o encantador.

Adoita acontecer con moita frecuencia que os máis grandes son os máis facilitadores e cos que se traballa máis a gusto. Grandes como Raphael que é quen de estar horas antes para ensaiar o que faga falta, grandes como Sergio Dalma, María do Ceo, Dulce Pontes, Albert Hammond, Uxía, Kepa Junkera, ou o mesmiño Bustamante, que se te descoidas faiche el só o programa. Podería nomear ducias de artistas galegos e de fora de Galicia cos que é facilísimo traballar, e podería nomear a uns cantos e cantas cos que non deberiamos traballar nunca. Pena non poder nomealos.

Te puede interesar