Opinión

¡Hola Raffaella! ¡Viva Raffaella!

undefined
photo_camera Raffaella Carrá de joven.

Sei que cando estas liñas cheguen a vós, xa estará publicado todo e máis sobre esta gran muller que tanto en Italia como en España, e outros moitos países de medio mundo, deixou unha pegada difícil de olvidar. Estou ben seguro que dentro dalgunha década cando alguén queira organizar unha festa na que a xente se divirta de verdade, terá que recorrer a todas esas cancións que agora mesmo forman parte da banda sonora vital de moitos de nós, o mesmo que pasa con Abba ou Boney M. Son moitos os Djs. que confesan que cando son incapaces de levantar unha festa, non teñen máis que pinchar o “Mamma Mía” ou o “Daddy Cool” e xa está a parranda armada. Eu mesmo, cando facía a “Sesión Vermú”, neses días tristes de invernía, nos que as amas de casa, maioritarias á hora de preparar o xantar, soamente contaban coa compaña da radio, tiña ben claro que un “Dancing Queen” ou un “Rasputín” facían que o cocido lles saíra con mellor sabor; e se a iso lle engadías o de “Caliente Caliente” o resultado culinario e anímico non podía ser outro que excelente, incluso para o Pepe “repunante” de turno, ao que nada lle vale e merece que lle poñan a cazola de peineta.

Raffaella Carrá chegou ás vidas de moitos de nós nunha televisión que comezaba a despreguizarse e a poñerlle cor e alegría á vida, era o ano 75 no que aquela loura italiana empezaba a volvernos tolos co seu “Rumore”, que eu lembro estar bailando na Discoteca “3A” de Ourense coas miñas compañeiras de Pedagoxía nunha desas noites fantásticas de xuventude universitaria. Tanto é así que sigo empregando esta canción en todo canto programa de radio presento para dar paso a algunha sección, o mesmo que fago coa eurovisiva “Poupée de Cire, Poupée de Son” da francesa France Gall que tanto nos namorou tamén.

Enseguida os responsables de TVE déronse conta de que tiñan ouro en bruto que chegaba de Italia como un furacán, e rápidamente lle encargaron conducir con gran éxito o programa “La Hora de Raffaella Carrá”, realizado entre Valerio Lazarov e o ourensán de adopción, hoxe cara visible en Telemiño, e responsable de ducias de éxitos televisivos, Enrique Martí Maqueda; aínda que eu en moitas entevistas que me teñen feito nestes case 30 anos de televisión, cando me preguntaban que outro programa me gustaría presentar, sempre respostaba o mesmo: “Hola Raffaella”. Era o programa perfecto, cunha anfitriona de luxo, que cantaba, entrevistaba, debatía e dáballe patadas divertidísimas ao diccionario da lingua cando falaba en directo cos telespectadores; unha muller de festiva e sincera gargallada, con ducias de convidados estupendos, cantantes, actrices, políticos, deportistas, cómicos, ilusionistas e un longo etcétera que conformaban un programa magnífico para todos os públicos. Porque ese é outro dos grandes valores da nosa Raffaella, que tamén é nosa por moi italiana que nacera, conseguir gustarlle a todos e ser querida por todos, e desexada por non poucos.

O pasamento da Carrá provocou unha auténtica conmoción en Italia, onde a adoraban e adoran, e aquí ata a portada do diario “Marca” era unha fotografía da nosa selección no día que xogaba contra Italia coa mensaxe en letras ben grandes: “Que fantástica fantástica esta Fiesta”, aínda que logo quedaramos sen festa e apeados da Eurocopa. A selección “azzurra” debíallo á querida Raffaella, e a nós sempre nos quedará a súa música e a súa simpatía.

Te puede interesar