Opinión

O libro de Alba Gago

Fun un privilexiado por ser un dos primeiriños que puideron vivir as peripecias londinenses de “Andrea”, que por aí vai este primeiro libro da publicista e comunicadora Alba Lago, a “miña nena” do “Acompáñenos” na TVG. Unha nena puro fervedello e cunha capacidade de traballo e aprendizaxe encomiables que ven de publicar “Andrea Contra Pronóstico”, do que eu xa sabía hai meses, cando aínda nin sequera tiña escritas as primeiras liñas, vivindo en cada viaxe meu a Madrid ou dela a Vigo todos os nervios, a ilusión e os medos que van implícitos na concepción, xestación e parto da primeira criatura, literaria neste caso. E o medo xa pasou, o nervio posiblemente non ata ver a resposta do público, e a ilusión segue intacta, porque se algo contaxia esta muller é ilusión e actitude positiva.

Non vou ser eu quen faga unha crítica do que este libro atesoura, ¡deus me libre!, para iso están os que saben do oficio; eu únicamente falo desde o punto de vista do lector de rúa, aínda que iso sí, condicionado, e de que maneira, polo enorme cariño que lle profeso. Vou ter a honra de ser o mestre de cirimonias na súa primeira presentación en Galicia, ás sete da tarde do día 31 na 7ª planta do Corte Inglés de Vigo, onde Alba estará acompañada asímesmo pola tamén galega Carlota Corredera, directora de “Sálvame” en Tele5, que non quere perderse a posta de longo da súa paisana na terra que as víu medrar. Unha terra, Galicia, e unha cidade, Vigo, que están presentes durante toda a obra, con paisaxes, paixóns, sentimentos, familias e amistades; por aparecer ata aparece, en plan “cameo”, un tipo que presentaba un concurso na “Galega” ao lado dun tal “Atilano”. A “nena” nunca olvida aos seus, nin deixa de presumir das súas raíces, cousa que a engrandece e fará que siga medrando profesionalmente ata o infinito.

Non serei eu quen diga canto hai desa “Andrea”, xoven e emigrada, que forma parte da xeración mellor preparada da historia, en Alba Lago; non sei canto hai de historia real e canto de ficción, e se o sei penso calalo para sempre ata que ela o explique se quere; pero sí sei que me emocionei con moitas das súas páxinas, onde conviven as néboas londinenses cos aires das Cíes e mesmo co tango de Bós Aires, cidade onde outros moitos galegos chegaran coas súas maletas hai xa tantos anos pensando que aquelo non se volvería repetir. A historia sempre se repite desgraciadamente porque temos unha capacidade de olvido tremenda.

Prometín non falar do libro, pero permítanme que lles diga que estamos diante dunha “ópera prima” valente, directa, arriscada e tenra. Que casualidade, porque así poderiamos definir a quen a escribíu, unha muller que comezou ao meu carón a súa andadura televisiva e que agora o mesmo é quen de meternos co seu micro dentro dunha fábrica de galletas, como retransmitirnos un partido de fútbol ou dicirnos que xa podemos lucir as gafas de sol porque chega un potente anticiclón. Ela sí que é unha cicloxénese explosiva no eido da comunicación, no que aínda ten todo por facer, e farao, non lles caiba a menor dúbida. Quedan convidados a coñecer a Alba “Andrea” o dia 31.

Te puede interesar