Opinión

Medalla papal a Josefa Ledo

josefa_ledo_e_eliseo
photo_camera josefa_ledo_e_eliseo

Alegría inmensa cando recibín a noticia da que me fixo partícipe o amigo Adelino Alvarez, a quen coñecín sendo Delegado de Misións e con quen teño compartido moi bos momentos, como o de organizar desde o Obispado, co impulso decidido e imprescindible da Deputación de Ourense e do Xornal “La Región”, aquela Gala tan emotiva de apoio aos damnificados polo terremoto de Ecuador, nun lugar, Jijipapa, onde o tamén amigo da alma Manuel Rodicio exercía o seu labor de misioneiro.

E nesa Gala estaba como sempre a alma máter de todo canto se organizaba desde a Delegación de Misións Ourensá, a queridísima Josefa Ledo, a quen tiven o pracer de coñecer o mesmo día que coñecía ao sempre recordado Aurelio Grande, cando fun inscribirme por primeira vez no Festival da Canción Misioneira, coa miña melena, a miña barba, e os meus pantalóns de pana que tanto se levaban daquelas. O sorriso deles foi tan amplo que souben desde o primeiro momento que estaba diante de dúas excelentes persoas que rápidamente se converteron en dous marabillosos amigos.

Foron moitas as veces que participei no entrañable Festival, a nivel provincial, rexional e mesmo nacional, traendo para Ourense o primeiro premio desde terras burgalesas coa sempre recordada canción “Deixemos que a Pomba nos fale”, a única vez que unha canción gañaba dito evento nun idioma distinto ao castelán. Pero desde Ourense, tanto Josefa como Aurelio e un servidor tiñamos claro que ou era en galego ou non era. E así foi e así o gozamos enormemente. 

josefa_ledo_e_eliseo

E así estou gozando, e de que xeito, a concesión desta “Medalla Pro Ecclesia et Pontifice” que hoxe vai recibir a nosa querida Josefa, concedida polo Papa Francisco, e sendo a maior distinción da Igrexa a unha persoa laica, por toda unha vida de servizo, en gran parte oculto, á misión e aos misioneiros. Hoxe sábado o Seminario Maior de Ourense vestirase de gala para homenaxear a Josefa Ledo, nun acto onde se darán cita as máis altas autoridades eclesiásticas de Ourense, Galicia e España; acompañada do seu querido Eliseo, e rodeada da súa familia e dos seus seres máis queridos; e asegúrolles que somos moitas as persoas que queremos e admiramos a Josefa, a muller do amplo sorriso e do traballo abnegado, que ao longo de 45 anos foi o cordón umbilical que uníu a moitísimos misioneiros espallados polo mundo coa súa terra e as súas familias, mesmo en tempos onde as comunicacións eran ben precarias.

Estou convencido, porque algo coñezo a esta gran muller, que tanto recoñecemento fará que  se poña ata un chisco colorada, por ser ela un exemplo de discreción e de como ocupar sempre un segundo plano, deixando o protagonismo para os seus superiores; pero hoxe é o seu día, e sei que cando lle impoñan esta Medalla Pontificia, sen esquecerse de ninguén, terá un recordo moi especial para quen foi o seu mentor, o seu amigo e o seu exemplo a seguir, o queridísimo Aurelio Grande, a quen eu mesmo tiven o pracer de compoñerlle unha canción titulada “A un Home Grande”, e que lle cantei por última vez en directo nun dos Festivais da Canción Misioneira celebrado no “Paco Paz” ao que asistín como convidado de honra. 

Hoxe repetiría a experiencia sen dubidalo, e compoñería e cantaría con emoción unha canción que titularía “A Unha Gran Muller”. Sirvan estas humildes liñas para dicirche: “Querida Josefa, foi un luxo coñecerte e é un auténtico luxo terche por Amiga. Que sexas moi feliz e que Deus te bendiga”.

Te puede interesar