Opinión

Mirando para a Ría

f91f6b8e0ef7762ed7be41158d6cb4a7.jpg_web
photo_camera f91f6b8e0ef7762ed7be41158d6cb4a7.jpg_web

E así estou xustamente, mirando para a fermosísima Ría de Vigo mentres isto escribo; iso sí, do lado de Cangas, que é moito mellor por ter máis luz, máis sol e mellores vistas; aínda que sol, o que se dí sol, este mes de xullo quedou na outra Galicia, a nosa, a interior, a onde penso escaparme esta fin de semana para sentir que seguimos no verán. Entristéceme pensar nas moitas familias que pasan todo o ano aforrando algo para alugar casas ou hoteis a pé de praia, coa mala sorte de que lles toque un veraneo de borrascas, néboas e incómodos nordés. Pero así é a nosa Terra e así tés que querela e disfrutala, e para min sempre preferible aos calores insoportables do sur ou ás humidades deshidratantes do Mediterráneo, que che obrigan a vivir enclaustrado baixo o aire acondicionado durante todo o día, salvo que sexas un suicida do moreno e un claro candidato a melanoma.

Lembro a primeira vez que viñen a estas fermosas terras do Morrazo, cando aínda a Ponte de Rande era un proxecto, facendo a viaxe desde Ourense no Castromil, e de Pontevedra a Meira compartindo asento con marabillosas e falangueiras señoras portadoras de cestiñas cheas de galiñas. Días fantásticos de xuventude onde descubrín as marabillosas praias de Areabrava, Liméns, Menduiña, Aldán ou Nerga, por citar algunhas, para rematar no atardecer gozando do espectáculo visual de Cabo Home. Logo volvín moitas veces máis a Cangas, onde pasaba parte do verán gozando dun ambente que me gustaba bastante máis que o de outros lugares da costa, que xa daquelas tiñan moita máis sona, pero que non tiñan nin teñen a autenticidade destas terras nas que ás veces tárdase un chisquiño en entrar, pero unha vez que te acollen é de verdade, acollidas mariñeiras e de palabra. Gústanme os lugares que á parte do bulicio do verán conservan durante todo o ano a súa propia idiosincrasia, e a onde podes ir tomar un vermú de sábado ou un xantar de domingo aínda que estean caendo chuzos de punta, porque sempre terás alguén con quen compartir unha sobremesa con conversa distendida, que é o mesmo que me ocorría en Portugal nos moitos anos que tiven a miña segunda residencia na Praia de Moledo en Caminha.

Agora deixei as terras portuguesas, aínda que non pasen quince días sen facerlles unha visita, e volvín a onde sempre me sentín moi a gusto, onde podo pasear tranquilamente, dar algunha volta en bici ou seguir descubrindo estupendos templos da hostelería, onde poder comer estupendamente a prezos absolutamente razoables, dependendo do grao de sibaritismo que queiras marcarte. Uns camaróns ou unhas nécoras da ría son sempre benvidos, pero unhas xoubiñas frescas con pementos de Padrón ou de Arnoia non teñen nada que envexarlles.

Pero dito todo isto, e sabendo de antemán que esta fin de semana a meteoroloxía seguirá sendo máis favorable á nosa provincia ourensá, creo que vai tocar hoxe sábado meterlle un pulpiño e unhas anguías no Carballiño e o que a Rosiña teña a ben preparar o domingo en Allariz. Porque se a ría ten moitos atractivos, as terras do Arenteiro e do Arnoia non teñen nada que envexarlle. Ademáis hai que ir ver os amigos mexicanos que aínda seguen por aquí, e aos primeiros “jolines” familiares do País Vasco que xa van chegando pouco a pouco. E recordar con eles aqueles momentos nos que o verán era a época do ano que agardabamos con toda a ilusión do mundo para reencontrarnos con amores e con amigos.

Te puede interesar