Opinión

Nenos na rúa

undefined

Evidentemente non é o mesmo “nenos da rúa” que “nenos na rúa”; no primeiro caso sempre nos veñen á mente esas terribles e crueles imaxes de nenos mendigos nas rúas de calquera das grandes cidades dos mundos desfavorecidos. Nenos na rúa é outra cousa; xa vos falaba a pasada semana dos pequerrechos que seguen alegrando os meus almorzos da mañá véndoos collidiños da man accedendo ao areal de Cangas para somerxerse nas augas conxeladas do mar a todo berro, porque xúrolles que aínda están máis conxeladas unha semana despois.

E entre semana e semana tiven o pracer de achegarme ata o Carballiño para compartir mesa e mantel en “Casa Gazpara”, excelente templo da gastronomía, cos meus amigos da familia Portabales, que chegaron con toda a súa prole desde terras mexicanas para gozar dunhas merecidas vacacións despois de non poder facelo o pasado ano pola pandemia.

Xuntos compartimos e renovamos a amizade que nos une desde que fun convidado a visitalos e festexar con eles nun par de ocasións a Noitevella, onde se reunían para cear e bailar centos de paisanos que seguen sentindo e facendo Galicia ao outro lado do Atlántico.

E na capital do Arenteiro, celebrando á nosa maneira a Festa do Pulpo, xuntámonos maiores e pequenos, aqueles nenos que corrían entre as mesas das festas de Fin de Ano mexicanas, que xa medraron o suficiente para rematar o recente xantar e sair disparados cara a praza carballiñesa e xogar o fútbol ou ao que toque ata ben entrada a noite, porque se de algo poden gozar ao máximo estes cativos nacidos ao outro lado do charco é da liberdade de poder xogar sen medo e sen a vixilancia dos seus maiores. Podo imaxinar o que significa para eles pasar de ter a vida controlada e vixiada as 24 horas do día, dentro e fora dos centros escolares ou de esparcemento por mor da inseguridade, a poder sair á rúa a calquera hora como nós sempre fixemos e lembramos de cando eramos nenos de pobo ou de barrio.

Falo lóxicamente daqueles tempos nos que as casas tiñan as portas abertas ou sen chave durante o día, e non poucas veces pola noite, tal era o costume de entrar e sair dándolle únicamente o pecho, e tal era a confianza de que nada malo podía ocorrer nun lugar onde todos nos coñeciamos.

Nestes meses de verán parece que nos pide o corpo aos que, a Deus gracias, temos a encomenda de escribir cousas máis liviáns, recordar eses tempos de nenez e adolescencia onde todo estaba por descubrir e facer; e así me pasa cada tardiña que coincido cos meus amigos de Allariz, o pediatra Manuel Sampedro e a enfermeira Mari Carmen-Mucha, pola praia de Rodeira, e falamos daqueles outros veráns nos que non nos chegaban as horas para todo o que tiñamos programado, e recórdanme mortos de risa o “fuguillas” que eu era para todo, apuntándome a un bombardeo e non parando quieto nun mesmo lugar máis de media hora. E que o verán alaricano era moito verán, e había moitas cousas ás que atender, soamente tiñamos un mes para gozar, e nunca mellor dito, de todo o que nos chegaba do País Vasco, e había que espabilar, e se non que llo pregunten a todos e todas os da miña xeneración.

Cando nas noitiñas vexo pasar as pandillas de xóvenes que tentan despistar á policía mentres chegan as súas vacinas, para agocharse nas calas de difícil acceso, sinto unha pequena nostalxia e unha sana envexa lembrando aquelas nosas noites de concupiscencia ás beiras do Arnoia.

Te puede interesar