Opinión

Neurovisión

“AQUEL NO ERA YO”

Asisto á proxección da curta “Aquel no era yo” no local vigués “La Casa de Arriba”, organizada por “Amnistía Internacional” e “Entreculturas” comemorando o día mundial contra a utilización de nenos soldados. A película xa fora galardoada cun Premio Goya e este ano opta a un Óscar de Hollywood. Proba do impacto que causou esta curta é que a sede das Nacións Unidas en Nova Iork acolleu a proxección da cinta ese mesmo día 12. Asegúrolles que o seu visionado non deixa a ninguén indiferente.

SUPERPIÑEIRO.COM

Aí estamos, non había máis remedio. “Cando o inimigo é máis forte ca ti únete a el” dí o dito. A verdade é que levaba tempo pensando en abrir esta fiestra de internet que me vai obrigar a espreguizarme un pouco e liberarme do musgo do inverno para ir dándolle vida pouco a pouco. Do seu contido xa iremos vendo por onde quere ir el mesmo, de entrada haberá moitas persoas que traten de atoparse nas fotografías que irei colgando do público asistente ó “Supermartes” ó longo dos seus catorce anos de vida. E falando de fotos, a que preside o blog é obra do amigo José Paz, excelente xornalista gráfico de “La Región” de Ourense, que formaba parte da reportaxe que me fixera no seu día para o suplemento de “La Revista” publicada tamén en “Atlántico” de Vigo. Agradezo así mesmo a xentileza do gran músico vasco Kepa Junkera que o próximo sábado actúa en Vigo, e que gravou comigo o vídeo da canción “Txoria Txori” para a estrea deste meu blog, foi un auténtico luxo ter contado coa súa mestría e grandeza, nunca llo agradecerei bastante. Imaxes, vídeos, entrevistas e reflexións conformarán este novo escaparate que me gustaría que visitásedes do mesmo xeito que me levades visitando durante tantos anos nestes páxinas, ás que seguirei sendo fiel. Quedamos en www.superpiñeiro.com.

MECENAZGO CON EMILIO RÚA

Acabo de enviarlle ó cantante ourensán Emilio Rúa un pequeno vídeo no que me sumo á campaña divulgativa para o autofinanciamento do seu último disco "Destino Sur", no que todo o mundo se pode implicar aportando distintas cantidades económicas e obtendo a cambio as respectivas recompensas. Hoxe mesmo Emilio estará con Carlos Blanco no Teatro Principal onde gravará unha parte do vídeo explicando esta proposta e convidándonos a todos a participar no micromecenazgo para que o disco vexa a luz. Esto é algo que moitos artistas están facendo nos tempos que corren.

A LEDICIA DOS GRIMALDI

Y los Grimaldi fueron muy felices" titula “Hola”, e o resto dos mortais non o dubidamos, motivos teñen de abondo para ser tan felices, tal como veñen facendo desde tempos inmemoriáis e dos que a devandita revista nos ten informado puntualmente. É o que moitos chaman o xornalismo glamuroso da época da malograda Grace Kelly que tantas portadas deu como logo darían a súa filla Carolina e en menor medida a díscola Estefanía, máis dedicada ás cousas do circo e variedades. Pero aí está toda unha prole de vástagos, os "Nenes Mónaco" dispostos a seguir rentabilizando ese pequeno Principado onde os Grimaldi, ó parecer, son donos e señores de todo canto se move, ou polo menos dunha boa parte da torta, o que lles permite organizar eventos tan envexables como a recente voda do neno Andrea Casiraghi con Tatiana Santo Domingo nos cumios nevados da insolidaria Suiza antes de instalarse por un tempo na capital de España, Madrid, co que as revistas do cuore xa teñen garantidas unhas cantas portadas máis. Que pena que sexa soamente ficción e a amiga Macarena Gómez, Lola en "La que se avecina", convidada á voda por parte do seu noivo Aldo Comas, non os poida acoller no seu ático de "Montepinar" para que vivan a auténtica "vida loca" de "Estela Reynolds" ou de "Antonio Recio mayorista no limpio pescado". Porque claro, o mesmo que lles ocorre a moitos da súa clase social ou mesmo a infantas desmemoriadas, o contacto coa realidade é tan pequeno que descoñecen a infelicidade de moitos dos que mercan cada semana as revistas cardíacas para darse un baño de glamour a conta deles, aínda que non poidan nin sequera casar por non ter nin para un piso hipotecado. A min soamente me inquieta unha cousa da familia Mónaco, ¿Que diantre pinta a nadadora australiana con permanente cara de leite fervido no medio dos Grimaldi?, non me dirán vostedes que se algún familiar seu tivera a cara coa que aparece permanentemente Charlene diante da prensa, e non quero saber como pode estar na intimidade, non o levarían vostedes de inmediato á consulta dun especialista en depresión.

Te puede interesar