Opinión

Nunca teñen frío

Praia da Rodeira en Cangas
photo_camera Praia da Rodeira en Cangas

Véxoos cada mañá chegar correndo como se os perseguise o demo, para desenfundarse rápidamente as camisetas, e sen tocar sequera co dedo gordo do pé a primeira ola para comprobar a temperatura, compiten por ver quen o primeiro en mergullarse nas augas conxeladas da ría; porque asegúrolles que están conxeladas, ou o que significa para min estar a 15º e cortar directamente os pinreles nada máis metelos. Son os pequerrechos que participan nalgún dos campamentos urbanos de verán que lles permiten aos pais perdelos de vista por unhas horiñas.

Confésolles que me dan moita envexa eses buliciosos neniños porque no que levamos deste verán tan atípico na costa eu soamente fun quen de mollar a cabeza nunha ocasión; este e o anterior, porque lembro que en todo xullo e agosto do ano pasado debín remollarme coas augas do Atlántico cinco ou seis veces, incluída unha desas ocasións nas que parece que estás no Caribe por chegar o que os entendidos chaman as correntes do Golfo, e que che dan ganas de quedar metido todo o día nelas por saber que horas despois todo volve á crúa realidade, isto é, auga como puro carambelo. Teño que dicir que para algunhas coñecidas, como a dona da hamburguesería de aquí ao lado, a auga sempre lle está estupenda, e se por un casual sobe un par de graos xa lle pon peros por estar demasiado morna.

Eu prefiro quedar aquí pasmando e vendo, desde a privilexiada galería da que disfruto enriba da area, todos os pequenos veleiros e os enormes cargueiros que entran e saen do porto de Vigo, e tamén de cando en vez os adestramentos dos que algún día nos darán máis alegrías coas súas embarcacións nas próximas Olimpiadas, mentres desde a pista peonil me chegan acentos de Zamora, Madrid ou Bilbao que seguen afirmando que veranean nun auténtico Paraíso, cousa totalmente certa, aínda que haxa anos coma este que o sol e as altas temperaturas fixéronse de rogar ata esta semana.

Tamén teño que confesar que cando as inoportunas néboas ou a cola de non sei que borrasca das Illas Británicas veñen para tocar o nabizo, escapo a visitar ao meu amigo, o artista Roi Casal, con quen sempre é un pracer paliquear tomando un aperitivo previo ao reconfortante baño na piscina do seu precioso complexo de Apartamentos “Harpazul” no concello de Catoira, onde a auga da piscina nunca baixa de 29 graos. Poden imaxinar o que iso significa para os que somos moi frioleiros desde os tempos nos que nos bañabamos no río Arnoia en Allariz aínda que a auga viñese conxelada; porque nós tamén eramos como eses cativos dos que lle falaba ao principio, aínda que estivésemos tremendo e os dentes nos rilasen cal castañolas, a auga sempre estaba boa, ou iso había que dicir para non quedar mal diante dos amigos.

Ben é certo que sigo sen envexar nadiña as imaxes de todos eses “instagrams” que algúns coñecidos publican desde o Mediterráneo onde estes días deben poder asar os langostinos sen poñerlle lume; eu xa sofrín hai moitos anos varias vagas de calor que non me deixaron ganas de volver tocar as augas de Marbella ou Sitges ata que pase a “gota fría” do mes de setembro. Nunca esquecerei tampouco a miña volta anticipada de Ibiza por estar aloxado nun moi histórico hotel, onde coincidín co modisto Jean Paul Gaultier, porque por moi afamado que fora dito establecemento tiñan por todo aire acondicionado un ventilador no teito. Volvín correndo a “sofrir” gostosamente os airiños da nosas rías e ríos.

Te puede interesar