Opinión

O "Super tuesday" "Supermartes"

Querido Xosé Lois, non sabes a alegría que me deches facendo que o noso “Carrabouxo” se lembrara na viñeta do xoves do tamén moi querido “Supermartes”, aproveitando esa cita que os americanos teñen cada catro anos en periodo electoral. Lembro tamén cando o gran xornalista e escritor Manuel Jabois lle dicía a Pepa Bueno no programa “Hoy por Hoy” da SER  que en Galicia non había outro “Supermartes” que o da TVG.

Agradécense eses recordos xa que foron case 14 anos de emisión dun programa que acadou cotas de audiencia fantásticas, pelexando en competencia con Emilio Aragón, Constantino Romero, Isabel Gemio, ou a cantidade enorme de campionatos de fútbol, incluídos os partidos europeos do Celta. Soamente Paco Lobatón, nos inicios de “Quien Sabe Donde”, conseguíu meternos o medo no corpo e levounos a parodiar á revista “El Jueves”, co lema “Supermartes, o Programa que se emite os mércores”. Durou pouco ese canguelo, e de seguido volvemos ao noso día de sempre para combatir duramente contra “Médico de Familia”, “El Tiempo es Oro” ou “Sorpresa Sorpresa” entre outros exitosos programas da competencia.

Para todos e todas os que participamos daquel formato televisivo que tivo o orgullo de ser o primeiro concurso que se facía en directo en España, é motivo de gran alegría ver como anos despois daquela desaparición incomprensible da grella televisiva, cuns datos de audiencia realmente incribles, son moitas as persoas de toda clase e condición que se acordan de “Atilano”, “Doña Hermitas”, “Isi” ou de prácticamente todo o elenco de actores, actrices, humoristas, magos, xornalistas, cantantes, escritores, cociñeiros, deportistas ou modelos, entre moitos outros, que participaban como convidados no “Mentireiro Verdadeiro”. Por non falar da cantidade de xóvenes entusiastas que se iniciaban no mundo audiovisual e hoxe realizan ou dirixen películas, programas ou series de televisión de éxito a nivel nacional ou internacional. É un orgullo para todos nós cando son entrevistados e se acordan de que un día estaban por diante ou por detrás das cámaras dun programa que mesturaba gaitas con merengue e que puña a bailar a milleiros de persoas de todas as idades, ataviados con esa gorra que case toda Galicia ten na casa e que o amigo Touriñán loce de cando en vez nos seus shows. Nunca olvidan de dicir estes amigos que encarnaron durante tantos anos a “Mucha e Nucha” que os seus comezos televisivos foron como “Cantareiras de  Ardebullo” no plató de “Supermartes”, onde eu nunca perdín os desternillantes ensaios de Touri e Marcos. 

A pesares do grande éxito do programa, créanme que non foi fácil “xustificalo” daquelas ante determinados sectores da sociedade galega. Eran outros tempos, e parecía que se non facías unha “Clave” galega como a de José Luis Balbín non eras digno de estar nunha televisión pública. E eu que viña do sector do ensino e do mundo da filosofía e a pedagoxía, onde sempre combinei o traballo nas aulas coas actividades extraescolares, non dubidei nunca que, asumindo posibles erros que se puideran cometer e correxir, unha televisión como a nosa, coa que os nosos pais perderon a vergoña de falar no noso idioma en todos os lugares, debía formar, informar e por suposto divertir. E aí estivemos nós, tratando de facerlle máis alegre a noite dos martes a milleiros de persoas. Créanme que eramos moi felices levando a cabo ese labor.

Te puede interesar