Opinión

Viaxes de última hora

Eu nunca pertencerei á clase de afortunados que percorren medio mundo en avión por cincoenta euros; e habelos hainos, e mesmo che pasan por diante do nariz as tarxetas de embarque facendo que quedes con cara de parvo e coa sensación de que pertences ao grupo de incautos que paga todo o queroseno. Son os mesmos que conseguen hoteis supostamente estupendos a prezos de pensión da “chinita”, e mesmo afirman que xantaron tan ricamente por uns escasos dez euros en plena City londinense. E claro, chega un momento no que reflexionas un chisco e dis “home, tan apampado non debo ser”, que estudiei unha carreira  aínda que fora de letras.
Porque vale que todo o mundo compre sempre os pisos a prezo de saldo, vale que o coche de segunda man que mercan lles saia estupendo e non lles consuma nadiña, e vale que che demostren a verdade dos seus periplos con interminables sesións de fotos e videos; todo iso vale, pero o de comer barato en Londres xa non llo vou pasar, iso é totalmente imposible; e o de que o hoteliño era moi cómodo e estaba moi ben situado a escasos dez minutos a pé da parada de metro máis próxima é cando menos cuestionable para os que somos algo cómodos.

De calquera xeito eu admiro a todos os que conseguen esas proezas aforratorias, e sinto un pouco de envexa por non poder facer o mesmo; aínda que pensándoo ben igual xa o fixen cando era “novo, feliz e indocumentado” que cantaba Joaquín Sabina. Igual daquelas non me preocupaba moito por saber se ían caer chuzos de punta ou se nos baños do camping vivía unha lexión de “champiñóns”; pero actualmente non se me ocorre mercar un billete de avión ou facer unha reserva de hotel de praia sen que todas as predicións consultadas en oito páxinas de “Meteo” diferentes me confirmen que vou poder andar en bermudas. O malo é que isto soamente pode facerse cuns días de antelación cando xa os billetes, se é que os hai, están pola nubes, e cando para a habitación que pides con vistas ao mar danche un prezo como se te estiveran hospedando no mesmiño palacio de Marivent. E se o que pretendes é ir en plan nazareno a encherte de saetas, rebujitos, e cheiro a  azahar, sen querer estar pendente de se na “madrugá” van poder sair os palios polos que moitos sevillanos, en caso de choiva, son quen de abrirse as carnes, tés que agardar ata última hora para facer as reservas oportunas, co cal ou te hospedas a vinte quilómetros da “carreira oficial” ou pasas aforrando todo o ano para  a única suite que queda libre con vistas á Giralda.

Eu deséxolle toda a sorte e todo o sol do mundo aos que desde hai meses reservaron en Canarias, Azores ou Algarve, sen saber se o anticiclón está polo labor, e máis sorte lles desexo a todos os que teñen negocios orientados ao turismo nestes dias de festa. Eu por se “ascaso” escollín destinos variados de curta duración para os que cargo cunha maleta que para sí quixera a Piquer, desde bañador ata chubasqueiro e “coreana” van nela, non vaia ser o demo; e teñan por seguro que lles podo recitar sen risco a equivocarme as temperaturas medias, a forza do vento  e o índice de humidade de medio Continente europeo e parte do Americano para os días de Semana Santa.
 

Te puede interesar