Opinión

Voilà Voilà

Pois xa pasou. Agora a agardar outro ano para que chegue Eurovisión 2022; aínda que para os eurofáns non é tan longa a espera xa que en decembro a maquinaria dalgún país como Albania ponse en marcha coas súas preseleccións. Isto é como no fútbol, todos queremos ver a gran final pero imos gozando coas fases previas de clasificación. 

Hoxe compre mandarlle un enorme aplauso á televisión holandesa que organizou o Eurofestival no medio da pandemia, onde volvemos impresionarnos da tecnoloxía punta coa que cada ano nos sorprende Eurovisión. No 2022, agardemos que sen tanto virus, será o momento de ver se Italia, flamante gañadora co grupo Maneskin e a súa canción “Zitti e buoni”, vai seguir con ese despregue de medios audiovisuais ou combinará algo diso coa tradición propia do seu Festival de San Remo, con moitos menos artificios e máis centrada nas músicas e nas voces. Non estaría mal que os italianos recuperasen, ao igual que fan en San Remo, a gran orquestra da RAI que mesmo é quen de poñerlle un acompañamento de luxo a temas tan rockeiros como o que este ano gañou o Festival, cunha canción e unha proposta que os máis novos seguidores que colaboran comigo na Radio Galega tiñan claro que ía arrasar e que os máis veteranos relegamos a postos máis discretos en favor de temas como o suizo “Tout L’Univers” cantado estupendamente por Cjon’s Tears ou a gran Barbara Pravi, que nos deixou cos pelos como “escarpias” cando defendeu o seu “Voilà” cunha maxistral interpretación que nos recordou á mellor Édith Piaf no Olympia de París. Sen dúbida era a miña canción favorita e a de moitos outros, pero os italianos levaron o Micrófono de Cristal arrasando no televoto, e facendo que moitos de nós foramos rápidamente a internet a buscar cancións súas realmente fermosas, e de paso enterarnos de que estiveran na primeira edición do Festival “O Son do Camiño” celebrado no Monte do Gozo no 2018, sendo daquelas pouco coñecidos polo público español.

Onte mesmo tiven o pracer de falar no meu programa nocturno da Radio Galega de todas estas cousas con Xabier Castro, creador e director do Podcast “This is Galicia Calling” e Manuel González Souto (Lolo Dato) colaborador e tamén alma máter desta proposta eurovisiva nas redes sociais; e así mesmo con Oscar Cabaleiro, Daniel “SeijoChan” e o cantante Cristian Amoedo, “eurofáns” e “talifáns” acérrimos que sempre poñen ese punto de vista interesante da xente máis nova que se enganchou a Eurovisión cando algúns xa levabamos sendo fieis ao “Eurosong Contest” desde que Massiel fixo cantar a media Europa o seu “La La La”; eles son o presente e o futuro dun Festival que moitos agoreiros daban por morto hai anos e que se foi revitalizando e gañando novos adeptos a medida que a UER volveu crer no seu potencial e na súa influencia. E así o creron os mellores artistas europeos, novos ou consagrados, dispostos a representar ao seu país, como en España o fixeron figuras da talla de Edurne, Pastora Soler, Lucía Pérez, Ruth Lorenzo, Soraya ou o mesmo Blas Cantó, por nomear a algúns dos últimos participantes, que indistintamente do posto no que quedaran serviulle de auténtica lanzadeira nas súas carreiras, como no seu día ocorreu con Raphael, Julio Iglesias, Karina, Mocedades, Sergio Dalma, Paloma San Basilio, Azúcar Moreno, David Civera ou Rosa de España, por nomear a algúns dos máis coñecidos. ¡Longa vida a Eurovisión!

Te puede interesar