Opinión

A voltas cos carrís-bici

carrilbicigranviaybici20201211220532RRU5NxdnHZlTJrIidITUUWO624x385LasProvincias.jpg_web
photo_camera Un hombre circula por el carril bici

A estas alturas de verán xa tiven a oportunidade de arroiar coa miña bici a unha chea de persoas maiores, a varias ducias de adolescentes pegados á pantalla do móbil, a un cento de nenos en patinete, e mesmo a algún “cabeza de chorlito” que ademais de pedalear é quen de ir “wasapeando” ao mesmo tempo; todo elo, claro está, nunha pista pintada e indicada para uso exclusivo de bicicletas. Ben é certo que a algunha delas non lle viría nada mal algún retoquiño nas fochancas do inverno e unha manciña de pintura.

Quedan perdoadas, pero ben avisadas, as persoas de máis idade, porque nalgúns lugares á beira da praia a outra alternativa de paseo é unha pasarela de madeira con táboas separadas que lles resulta máis dificultosa para camiñar; pero en calquera caso con bastante menos perigo que facelo polo carril bici, onde non todos os usuarios das dúas rodas teñen a mesma precaución que temos algúns, que imos facendo soar o timbre como se foramos os repartidores do pan.

Cada día son máis os concellos que apostan por elas; o futuro nas cidades ten que ser necesariamente con moitos menos coches e moito máis pedal, pero claro, con isto pasa o mesmo que pasou coas rotondas, que naceron e se reproduciron cal champiñóns no outono, sen cursos de reciclaxe para pasar por elas, sexan as normais, sexan as chamadas “intelixentes” ou sexan as portuguesas, nas que a entrada nas mesmas hai que facelo de xeito totalmente diferente á como se fai deste lado da Raia.

Conteilles nalgunha ocasión que no ano que andiven por Berlín, onde a bicicleta é a raíña e mesmo os autobuses son quen de ir detrás túa un quilómetro sen inmutarse, dinme conta de que xa chegara o verán cando os carrís bici deixaban de ser unhas vías totalmente seguras para atravesar toda a cidade pedaleando, ao seren invadidas literalmente por turistas “españoliños” a pé, que seguían sen decatarse de que esa cor bermella está reservada exclusivamente para os ciclistas, que alí cóntanse por milleiros. Chegan dun País, o noso, onde o coche segue sendo o rei, nun momento no que medran diariamente os usuarios de patíns eléctricos e artefactos varios que se xogan literalmente o tipo por moito que agora non se poda ir a máis 30 quilómetros por hora.

O certo é que falta moita regulación de tránsito e moita información nos medios de comunicación; eu aínda non sei hoxe se os carrís-bici tamén están reservados para as cadeiras de rodas e motiñas eléctricas, cada día máis necesarias polo envellecemento da poboación, patinetes varios, nais e pais con carriños de bebé e cativos en triciclos, e un longo etcétera de posibles usuarios susceptibles de ser atropelados.

Está claro que aplaudimos as iniciativas de dotar as cidades de moitos quilómetros deste tipo de vías, pero precísase urxentemente unha campaña de educación vial para saber quen pode e quen non pode circular por elas; e concienciar aos automobilistas e motoristas de que cada día serán máis as persoas que utilicen eses e outros medios de locomoción que irán aparecendo no mercado, e que deberemos respectalos máis ca ningún outro medio de transporte por estar totalmente indefensos diante de calquera percance.

Xa quedou claro que as beirarrúas son exclusivas para os peóns, pero por algures haberá que circular, e non se pode demorar moito máis unha normativa específica e uniforme, e moitas campañas informativas para non ter que lamentar máis atropelos, moitos deles de especial gravidade.

Te puede interesar