Opinión

Xurados e “coaches”

O xurado de “Recantos”.
photo_camera O xurado de “Recantos”.

Será a última vez que escriba a palabra “coaches” neste artigo, porque sigo rabiando cada vez que se utilizan palabras inglesas para darlle nome a quen xa o ten nos idiomas marabillosos que nós temos. “Mea Culpa”, ben é certo,  por todos os que asimilamos desde pequenos os “penaltis” e “corner”, ou “cornis” como dicían moitos dos meus veciños maiores cos que viamos  o fútbol nos bares.

Pero non vai de lingüística a cousa, que para iso xa está a simpatía pedagóxica de Esther Estévez, a querida “Dígocheo Eu” que toda Galicia coñece; hoxe vai do difícil que resulta exercer de xurado nos concursos musicais, como o de “Recantos”, no que durante tantos anos estiven e que agora o amigo Gayoso se empeña en que polos menos participe nas semifinais e final, cousa que fago con sumo gusto.

Con todos os meus respectos para as canles de televisión, onde eses xurados están compostos por grandes estrelas da música, teño que dicir que non son eu nada amigo de velos por non soportar toda a xesticulación excesivamente guionizada, imposta polos donos dos dereitos de emisión que esixen que iso sexa así, dando igual se o programa se emite en Holanda ou nos Estados Unidos; a xesticulación, o amago de darlle aos pulsadores ou calquera outro xesto están maís que programados. Non estou falando da limpeza do que é a fase competitiva, deus me libre, falo únicamente da posta en escea. A televisión é o que ten para os que poñemos a cara nela, temos que asumir que hai moita xente á que lle gustamos e outra moita á que non lle gustamos nadiña. 

Pero se aceptei no seu día participar varias tempadas como xurado de “Recantos” foi pola total liberdade á hora de valorar a cada participante, sen recibir nunca ningunha orientación por parte dos directivos ou guionistas, mesmo nos momentos  críticos cando se están xogando o pase á final ou na mesma finalísima, onde como ocurríu nesta pasada edición de “Luar”, o nivel era dunha gran altura e calquera dos catro coa súa interpretación na semifinal podería ser a gañadora ou o gañador. Foi posiblemente unha das edicións mías compicadas á hora de puntuar; por iso que desde aquí mándolle unha vez máis a miña máis senceira felicitación, e sobre todo agradézolle o respecto e a compostura que mantiveron a medida que ían quedando sen opcións de gañar. O que sí queda claro é que hai canteira dabondo no panorama musical galego, sexa como solistas ou incorporándose a algunha das grandes orquestras deste País que son quen de mobilizar a milleiros de persoas que vibran cos seus espectáculos e as súas músicas, e diferencio isto porque temos tanto e tan bo, a pesares da malidta pandemia, que podemos seguir escollendo entre formacións con montaxes que para sí quixeran os mellores artistas nacionais, e outras que optan por ser máis meticulosas á hora de escoller repertorio e executalo, sendo ben complicado ás veces contentar á variedade de público que asiste a esas verbenas que este ano están a rebentar. Contábame o  amigo Roi Casal, a quen lle estiven vendo en Cangas o seu magnífico “Son Galego Son Cubano”, que ata había problemas á hora de alugar trailers para levar a cabo os espectáculos; e non saben o que me alegro despois de tanto tempo tendo que entrevistar na radio e na tele a artistas cheos de dor e esperanza. 

Pois entre tanto maldito lume, guerras, e malos augurios, que non pare a música, por favor.

Te puede interesar