COMERCIO LOCAL

A asociación do comercio de Xinzo acada 160 socios

Os seus representantes expuxéronlle ao alcalde os obxectivos e proxectos

A asociación de empresas e comercios da Limia, constituída a finais do pasado mes de maio e que conta xa con mais de 160 empresas inscritas, celebrou onte, no Salón de Plenos do Concello de Xinzo, unha reunión extraordinaria e urxente co obxectivo de informar aos comerciantes da vila da campaña "Días Azuis do Comercio Galego" da Federación Galega de Comercio.

Os establecementos que participen no programa poderán ofertar aos seus clientes, sorteos e agasallos. "Queremos axudar a promover esta iniciativa entre todos os empresarios da comarca para que se poidan beneficiar", sinalou Teresa Martínez, presidenta da asociación. "Estará vixente ata o vindeiro día 30 de xuño e dispoñible para todos os establecementos comerciais e do sector servizos, independentemente de que formen ou non parte da asociación", engadiu. 

A asociación de empresas e comercios da Limia está a realizar reunións semanais para avanzar na súa actividade. A semana pasada aprobouse a nova imaxe de marca da entidade e iniciouse a campaña de márketing nas redes sociais.  Neste sentido, os representantes da asociación reuníronse co alcalde de Xinzo, Antonio Pérez e co responsable de Turismo e Promoción Económica, Carlos Gómez. "Foi unha reunión moi positiva por que o ánimo do Concello é ter un interlocutor no sector empresarial ao que dirixirse e co que colaborar", dixo Teresa Martínez. "Penso que dende a administración local nos van a axudar en todo o que poidan. Eles queren xente que dinamice o sector", engadiu. 

Dende o Concello de Xinzo solicitaron á recén creada asociación "un presuposto coas súas necesidades económicas" co obxectivo de determinar "en qué ámbitos poderán axudar". 

Te puede interesar