PRODUCTO LOCAL

Chourizos caseiros na rede

A crecente despoboación no rural levou a Aldo Rodríguez e á súa nai,a explorar novas vías de negocio para a súa tenda de Vilar de Santos. O resultado foi a creación dun proxecto para a venda de chourizos por internet. 

Aldo Fernández, creador de "Sabor de aldea", na súa tenda en Vilar de Santos.
Aldo Fernández, creador de "Sabor de aldea", na súa tenda en Vilar de Santos.
Chourizos caseiros na rede

Aldo Rodríguez é o responsable do único supermercado localizado en Vilar de Santos. Un negocio familiar que puxeron en marcha os seus pais hai 20 anos. Do mesmo xeito que o que aconteceu con outros establecementos da comarca, o negocio desta familia da Limia viuse afectado pola crise e pola despoboación da zona do rural.

Sen embargo, este emprendedor de 39 anos non quixo quedar de brazos cruzados e decidiu adaptar a súa tenda de toda a vida, á situación actual das novas tecnoloxías. Por este motivo está iniciando un proxecto de venda de produtos da casa a través de internet. "Sabor de aldea" é a marca baixo a cal se venderán na rede chourizos afumados e de cabazo. "Decidimos comezar esta aventura por varios motivos", conta Aldo. "Os nosos clientes de toda a vida van faltando e a xente nova prefire mercar nas grandes superficies comerciais", engade. "A xente maior do pobo xa non fai a matanza tradicional pero non queren renunciar a comer o chourizo da casa", sinala o emprendedor de Vilar de Santos. "Pensamos que había unha oportunidade de real de negocio e, ademais, na miña casa sempre se fixo matanza", engade. 

Deste xeito, Aldo comezou a falar cos seus clientes, a comentarlle o proxecto que traía entre mans. "Os chourizos fóronse coñecendo pola comarca, moitas persoas procedentes de Barcelona, Valencia, Madrid ou Bilbao que viñan a veranear aos pobos da zona, achegábanse ata a tenda para levar ducias de chourizos". 

A inversión inicial foi de 40.000 euros para a creación dun obradoiro de despezamento, o cal tiña que ter todas as instalacións necesarias para cumplir cos requisitos impostos por sanidade: cámara frigorífica, amasadora, picadora e embuchadora. Ao carón deste lugar, situado na parte baixa da tenda familiar, está situado o fumeiro para levar a cabo o afumado dos chourizos. 

Despois de conseguir todas as autorizacións pertinentes para o establecemento, e os permisos para a venda a través de internet para todo o país, o negocio está listo para iniciarse. "Teño moita fe en que o negocio vai a ir moi ben", explica Aldo. "Queremos crear moitos postos de traballo aquí en Vilar de Santos". A súa nai comparte a mesma ilusión: "Estou moi ilusionada", comenta. "É un produto que xa facían os meus avós -añade-, axuntamos o tradicional e o moderno". Para Aldo, hai varios motivos que determinan a calidade do seu produto. "Os cerdos da nosa matanza están cebados polos veciños do pobo, non lle dan pienso, se non berzas, trigo e pataca", explica. "Facemos unha meticulosa selección da carne, todos os trozos que non son bos os quitamos , empregamos as cantidades adecuadas do pimentón da mellor calidade e facemos o curado soamente con leña de carballo", engade. 

Dende o pasado mes de outubro ata a actualidade, esta familia vendeu ao redor de 15.000 chourizos da casa. Aldo está convencido de que fan un bo traballo. "Non hai un produto como o meu", manifesta. 

A Web para facer os encargos,  sabordealdea.com, estará dispoñible a partir de hoxe sábado. Polo momento o catálogo de produtos está composto soamente polos chourizos pero o emprendedor xa ten en mente amplialo. "Estamos pensando en elaborar mermeladas caseiras feitas con froitas de aquí de Vilar de Santos", comenta Aldo.