A LIMIA

O Claustro Mercedario chegou ás 19.000 visitas

O grupo procedente de La Bañeza que visitou o museo de Verín onte, con motivo do Día do Pilar. 

O grupo procedente de La Bañeza que visitou o museo de Verín onte, con motivo do Día do Pilar.
O grupo procedente de La Bañeza que visitou o museo de Verín onte, con motivo do Día do Pilar.
O Claustro Mercedario chegou ás 19.000 visitas

O Museo Claustro Mercedario de Verín vén de superar as 19.000 visitas dende que abrise as súas portas en marzo do 2017. A mostra recibiu este venres a visita dun cento de persoas -procedentes das comunidades de Madrid e de Castela e León- coa que se batiu esta marca.

Dende o Consistorio cifran en 1.000 a media mensual de curiosos que foran a estas instalacións impulsadas polo goberno local. Con este grupo, xa son catro os que se achegan á localidade verinesa nunha semana. A vila adoita ser a primeira parada das visitas a Galicia que, posteriormente, continúan polas Rías Baixas.

Os contidos máis valorados polos visitantes foráneos, segundo fontes municipais, son a exposición sobre a historia do licor café, os elementos antropolóxicos e o túnel do viño sobre a enoloxía da Denominación de Orixe Monterrei. O Museo Claustro Mercedario de Verín abriu as súas portas en 2017 cunha exposición da obra do escultor e pintor Fernando Barreira, que logrou 3.500 visitas.

En agosto de 2017 chegou a mostra "Dionisos, 200 anos de viño en Monterrei", que foi inaugurada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en colaboración coa DO de Monterrei, e que obtivo 6.500 visitas.


Últimas mostras


As últimas tres exposicións que chegaron á vila con motivo da festividade do San Lázaro foron "Monterrei, berce do licor café", "Primeiros contactos cos Tartessos" e "Identificadores aromáticos dos viños de Monterrei", que durante este venres conseguiron a chegada do visitante número 19.000.

A filosofía do museo que alberga o Claustro Mercedario é difundir os elementos identificadores que conforman a personalidade do Val de Monterrei, mediante as técnicas máis modernas.