ENTREVISTA

"Na Limia descoñecemos a nosa historia e temos todo aínda por contar"

img_1174-2-SS
photo_camera O escritor natural de Morgade, Xabier Xil Xardón.

Xabier Xil escolleu para a presentación do seu segundo libro en solitario a Arca da Noe, en Vilar de Santos: "Detéxtonos", un xogo de palabras entre "texto" e "detestar". Fíxoo na compaña do artista galego Leo i Arremecaghona, co que tratou de facer un espectáculo animado, cun recital a dúo dos poemas

Xabier Xil escolleu para a presentación do seu segundo libro en solitario a Arca da Noe, en Vilar de Santos: "Detéxtonos", un xogo de palabras entre "texto" e "detestar". Fíxoo na compaña do artista galego Leo i Arremecaghona, co que tratou de facer un espectáculo animado, cun recital a dúo dos poemas. 

De que fala "Detéxtonos"?

O libro é un pouco caótico, xa que non ten un fío argumental de principio a fin. Penso que o resumen moi ben os títulos de dous dos capítulos: un é "Lírica indixente", que é unha crítica á propia poesía tal e como tradicionalmente a concebimos: como unha arte elitista, e o outro, "Cadros do sistema", que pretende que fagamos autocrítica enfrontándonos á realidade non edulcorada. Tamén se tocan temas como a emigración dos nosos pais ou a que nos tocou vivir a nós. 

En que consiste o espectáculo con Leo?

É unha combinación de música moi xeitosa con estética de blues e eu vou recitando os textos, que penso que gañan moito levándoos ao directo. 

Por que escolleu a Arca da Noe en Vilar de Santos para facer a presentación?

Porque para mín e para todas as persoas que fan música, cultura e espectáculos é un sitio de referencia na Limia. Noe, a súa responsable, sempre mostrou unha gran querencia pola poesía. Ela aposta pola cultura. 

Como cre que se atopa, culturalmente, a comarca da Limia?

Ten moitísimo potencial. Hai uns días participei nun roteiro dende O Mosteiro de O Bon Xesús de Trandeiras ata a Torre de Pena e o arqueólogo, Miguel Losada, deunos unha formación excepcional de como poñer en valor o patrimonio e como transmitirllo á xente do lugar para que valoremos o que temos. Descoñecemos totalmente a historia que temos, o potencial presente que temos na Limia. Témolo todo por contar e por contarnos a nós mesmos na comarca . É brutal. 

Relacionado con que?

Co que somos, de onde vimos e coa nosa memoria, e a da propia Lagoa de Antela. O meu afillado, que ten agora 20 anos, sente moita raiba por que ninguén lle falou nunca da Lagoa. Di que é unha memoria que quedou sepultada e foi o hábitat dos meus avós e dos seus bisavós. Non hai que esquecer que determinou a nosa historia económica, xeográfica, política, social e cultura. Non sabemos o que tivemos, nin o que puidemos chegar a ter. E o mesmo con todo o patrimonio que temos, caíndo pouco a pouco e sen poñer en valor. Trandeiras, por exemplo, non está catalogado nin sequera como Ben de Interese Cultural. Proxectos como A Arca da Noe ou o Museo da Limia son moi necesarios para crear valor engadido e turismo na comarca. 

Pensa que turismo e agricultura son incompatibles?

No, penso que pode ser un gran complemento para unha economía basada na agricultura.

Te puede interesar