CULTURA

O Museo da Limia acolle os entroidos tradicionais

Unha mostra de 150 fotografías percorre a historia das máscaras ibéricas

Xan Jardón, Delfín Caseiro e Mercedes Saavedra durante a inauguración da mostra en Vilar de Santos.
Xan Jardón, Delfín Caseiro e Mercedes Saavedra durante a inauguración da mostra en Vilar de Santos.
O Museo da Limia acolle os entroidos tradicionais

A mostra fotográfica "Viaxe polo mundo da máscara" estará ao alcance de todos os limiaos dende esta finde semana, e durante todos os sábados e domingos, ata o vindeiro 25 de novembro. A súa autora, Mercedes Vázquez Saavedra, cedeuna de xeito altruista ao Padroado do Museo da Limia para que o público poida coñecer de preto a historia e os rituais dos entroidos máis ancestrais de Galicia e de Portugal.

As 150 instantáneas que compoñen a mostra quedaron ubicadas no museo de Vilar de Santos, nun acto especial ao que asistiron a propia autora, o presidente do Padroado, Delfín Caseiro Nogueiras, e o rexedor de Vilar de Santos e presidente de honra, Xan Jardón. Ao redor de 60 cativos do Colexio Público Carlos Cid Arregui de Rairiz de Veiga foron os primeiros en desfrutar desta colección, mediante a que puideron coñecer máis sobre a festividade tradicional do Entroido, tan arraigada na comarca limiá. "O de Xinzo de Limia é, sen dúbida, un dos máis dinámicos", apuntou Delfín Caseiro, encargado de presentar o conxunto. Caseiro engadiu que, o obxectivo do padroado con este tipo de iniciativas, é o de converter o Museo da Limia "nun foro vivo, comprometido coa realidade da contorna e con perspectiva de futuro". O presidente do espazo puxo como exemplo o proxecto da Biblioteca da Limia "que está en pleno proceso de consolidación".

A autora, contoulles aos rapaces que a súa vinculación cos distintos entroidos galegos e portugueses, viña dende a súa nenez e animounos a "indagar e preguntar" aos seus avós para descubrir novas tradicións e a facerse "vixiantes das máscaras", idea que os cativos recibiron de bo grado. Na mesma liña, o rexedor de Vilar de Santos defendeu a importancia de impulsar o Entroido na súa vertente máis tradicional. A "Viaxe polo mundo da máscara" poderá visitarse de 16,00 horas a 18,30 horas os sábados e domingos. Haberá posibilidade de facelo entre semana con cita previa.