CONCELLO

A tala de árbores da avenida de Celanova enfronta a PP e PSOE

IMG_20170120_135013_result
photo_camera O aspecto que presenta, na actualidade, a Avenida de Celanova, un dos principais accesos á vila de Xinzo.

Os socialistas demandan ao goberno local datos sobre o proxecto de renovación deste vial 

O grupo municipal socialista do Concello de Xinzo de Limia a través da súa portavoz, Elvira Lama, ven de rexistrar un escrito solicitando "coñecer o proxecto de renovación que se pretende levar a cabo na avenida de Celanova".

A licitación desta obra, que responde a "unha vella reivindicación por parte dos veciños e do propio concello de Xinzo", tal e como sinalou o rexidor local, Antonio Pérez, foi publicada recentemente no Diario Oficial de Galicia. O pasado luns a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, desprazouse ata a vila para coñecer de primeira man as actuacións de ampliación e de reurbanización que se van a acometer neste vial, e nas que a Xunta investirá ao redor de 460.000 euros.

Os socialistas denuncian que "non foron convidados á presentación deste proxecto" e que "tiveron constancia pola prensa das intencións de talar as árbores que aínda perviven nas marxes desta estrada" calificando este feito como "un ataque ao medio natural".

Ante estas acusacións o alcalde de Xinzo, Antonio Pérez, explicou que o do luns, "foi un acto de goberno no que se trataron temas de traballo, non un acto de índole institucional". Neste sentido Pérez engadiu que "cando se trata de inauguracións, sempre se invita a todos os grupos da oposición". O rexidor local "lamentou" o feito de que dende o grupo socialista "busquen enfrontamentos" en lugar de "alegrarse por que se vaia a acometer unha obra de especial demanda e urxencia debido ás malas condicións que presenta o vial na actualidade".

Pola súa banda os socialistas sinalan "ser conscientes da necesidade destas obras" pero pensan que "as reformas hai que facelas causando o menor impacto posible no medio ambiente". Pérez explicou que, atendendo ás especificacións dos técnicos, as árbores serán substituídas por outras especies que permitan unha maior visibilidade na zona". n

Te puede interesar