ORZAMENTO

Trasmiras dá luz verde aos orzamentos de 2017

19.08.16.TRASMIRAS.CONCELLO.REPORTAXE IBI.
photo_camera Emilio Pazos, alcalde de Trasmiras.

O goberno xestionará 874.000 euros, condicionado polo teito de gasto 

A corporación municipal do Concello de Trasmiras celebrou onte un pleno que serviu para aprobar o o orzamento municipal do ano 2017, que ascenderá a 874.000 euros. Unha cantidade case idéntica ao do ano pasado (870.000 euros). 

Os presupostos sairon adiante sen o apoio do grupo municipal socialista, que esgrimiu o feito de que "non foron consensuados cos membros da oposición". 

Emilio Pazos, alcalde de Trasmiras, sinalou que se trata dun orzamento "moi austero" debido á normativa vencellada á estabilidade presupostaria e aos decretos do Goberno, que impon un límite de gasto de 768.000 euros . 

 Nesta liña, o rexidor local manifestou "non entender" o voto en contra do PSOE de Trasmiras, que reclama, pola súa banda, que o ente local "non se aferre ao teito de gasto". Pazos sinala que o que se está a facer dende o grupo de goberno é manter os servizos básicos de auga e saneamento, gastos fixos, e partidas para obras de mantemento mediante "a aprobación dun gasto elemental". 

O novo orzamento inclúe unha previsión de gasto para compra dun novo tractor desbrozador. Esta nova maquinaria mercarase de xeito conxunto cos concellos de Sarreaus e de Sandiás. 

Outro dos puntos da orde do día foi o nomeamento dun novo tesoureiro para o concello, que foi aprobado por unanimidade. 

Os socialistas de Trasmiras presentaron dúas mocións para ser tratadas no pleno. Unha delas foi a de instar aos organismos competentes a tomar medidas para o control da couza guatemalteca da pataca, concretamente no que respecta ás sementes do tubérculo. A moción non saiu aprobada debido a que os populares manifestaron que a Xunta xa está levando a cabo as medidas pertinentes neste sentido dende o ano 2015 e, ademais, non queren "crear alarma social". Os socialistas defenderon que o que eles pretenden "é previr, non alarmar". 

O grupo da oposición presentou tamén unha moción solicitando a eliminación do amianto naquelas construccions nas que aínda poda estar presente. Neste sentido os populares abstivéronse subliñando que "non tiñan competencias ao respecto" e engadindo que "o Concello recolle o lixo pesado dos veciños e envíase ao punto limpo". 

Te puede interesar