Jacobo de Arce Temes, un cidadán comprometido co seu Ourense

n n nLevabas anos comentando que agardabas o momento de poder xubilarte. Querías transformar nesa nova época o teu horario laboral en momentos para aplicar os teus coñecementos e pensamentos na vida diaria do teu partido -o PSdeG-PSOE- e do teu sindicato -UXT-. Coa chegada da calor chegouche tamén a xubilación. Mais agora a Parca quixo que fora definitiva.
Tiven a honra e o honor de coñecer a Jacobo de Arce Temes no Instituto Masculino da Ponte facendo COU en 1975. Daquela militaba no Partido Socialista Popular, e eu, no Partido Socialista Galego. Esta circunstancia, pasados moitos anos, servíanos de divertimento cando escoitabamos a alguén -sempre hai atrevidas- que supostamente 'lembraban' cousas daqueles anos, como si verdadeiramente estiveran no allo.

Pasaron os anos e eu reencontreime politicamente con el no seo do PSdeG ourensán, compartindo nunha época cargos da Executiva Centro. Crítico con todo e todos ao tempo de honesto con todos e todo. Como mostra un botón: nunha asemblea logo das eleccións municipais de maio 2003, logo de que a cidadanía colocara aos socialistas onde considerou xusto, Jacobo dixo que 'non podemos contentarnos e debemos aspirar a sermos a segunda forza política; debemos chegar a ser a primeira e ocupar o Goberno da cidade que xa tivemos', referíndose á época na que el fora concelleiro baixo Alcaldía de Veiga Pombo. Naquela asemblea, se non me fallan recordos e papeis, tanto Jacobo como Iglesias Rivera e Vázquez Conde avogaron porque o PSdeG fora unha verdadeira alternativa de goberno nas institucións, reclamando para iso máis cotas de participación, máis democracia interna e outro xeito de facer oposición, peticións que, desgraciadamente case 10 anos despois, seguen a ser vixentes.

Ademais da familia, o banco, a militancia sindical e partidaria, a Jacobo quedáballe tempo para a heráldica, a radio e para ser albacea testamenteiro de Eduardo Blanco Amor, autor que ao seu xuízo mellor describiu á sociedade ourensá. Jacobo era un amante de Ourense e por iso se implicou socialmente.

A súa enfermidade non lle fixo desbotar o seu compromiso coa sociedade. Nas autonómicas do 21 outubro pasado preferiu ser apoderado dos socialistas en vez de interventor. A razón? Poder abandonar momentaneamente a mesa electoral do Liceo -a súa mesa de sempre- para descansar, descansos nos que eu ía ir suplilo. Esa era a teoría. Primeira chamada: 'Jacobo, como andas, vou por aí?', contestando que estaba perfectamente tanto esa vez como as restantes feitas ao longo da xornada. Rematado o reconto foi andando á sede do partido a entregar a documentación e regresou andando a súa casa na praza do Ferro.

A finais de novembro vino unha mañá e, cun fío de voz, díxome que estaba...

Non teño a menor dúbida que Pablo Iglesias, cando dixo que 'non só fan adeptos os partidos coas súas doutrinas, senón cos bos exemplos e a recta conduta dos seus homes e mulleres', estaba xa a pensar en ti, compañeiro e amigo Jacobo.

Unha aperta para Teresa, Juan Jacobo, dona Rita e demais familia.

Te puede interesar
Más en Cartas al director