Un centenar de fotografías percorren a vida de Díaz Castro

Díaz Castro
photo_camera Díaz Castro

Máis dun centenar de fotografías e decenas de recortes de prensa e de portadas de libros ilustran a fotobiografía "Xosé María Díaz Castro

A Consellería de Cultura, a Real Academia Galega (RAG) e a editorial Galaxia presentaron hoxe a obra, coordinada por Alfonso Blanco Torrado, Luís González Tosar e Armando Requeixo e que inclúe un documental "O instante eterno", de Xosé Antón Cascudo.

O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, explicou na apertura do acto na sede da institución que, durante a súa lectura con "fruición" da obra, non encontrou "lagoa ningunha" nin percibiu a máis "minúscula deficiencia".

"Estamos ante un libro que merece todas as beizóns pola nosa parte" e que contén unha cronoloxía, ao final, que "subscribiría do primeiro ao último termo", remarcou.

Montero lamentou que debido aos "recortes" pola crise as editoriais "non se prodigan no cultivo deste xénero" da fotobiografía, ao que animou "fervoroso" volver dunha maneira "didáctica, pedagóxica".

Un dos coordinadores da obra, Alfonso Blanco Torrado, destacou a "pegada imborrable" de Díaz Castro porque "cada día hai unha actividade" sobre el, e dixo que as súas obras están a ser lidas a pesar do "acoso" das novas tecnoloxías, pois a súa experiencia é que "a mocidade necesita, quere e busca da palabra escrita tamén".

Tamén Luís González Tosar agradeceu que se puidese publicar esta obra que "non é un ensaio", senón unha "estampa" en que retratar algúns dos momentos do poeta.

Armando Requeixo subliñou que hoxe é un "día de festa" para os amantes da literatura porque se presenta esta obra sobre o homenaxeado neste ano no Día das Letras Galegas cando se completa o centenario do seu nacemento, porque representa unha "posibilidade" para achegarse o "mundo diazcastriano".

Igualmente, Xosé Antón Cascudo expresou satisfacción por contribuír á divulgación da obra de Díaz Castro e, despois de lembrar que se tratou dunha "pequena aventura", dixo que descubriu con este documental que "os diazcastrianos eran poucos mais moi fieis".

Por súa vez, o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, destacou durante a súa intervención a "dimensión humana" do poeta e referiuse ao "panorama magnificamente trazado" da vida de Díaz Castro nesta obra, que reinterpreta o legado dun "dos mestres máis singulares" de Galicia desde o "coñecemento máis profundo" e con afecto.

Neste contexto, Vázquez sostivo que "Galicia sabe aproveitar o seu inmenso potencial humano" e que hai que continuar por ese camiño para "fortalecer nos tempos actuais os froitos dunha lectura actualizada".

Lembrou o "legado de impaciencia" de Díaz Castro e as súas "case nulas estridencias" na procura de "metas inimaxinables" no seu "amor por Galicia".

O director da editorial Galaxia, Víctor Freixanes, pechou o acto cunhas palabras de agradecemento.

Te puede interesar