O conselleiro visita a Casa Rosalía tras as obras de acondicionamento

O responsable de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, visitou a Casa-Museo de Rosalía tras a súa reapertura, finalizada a segunda fase das obras para o acondicionamento interior e exterior do edificio, rehabilitación en que o departamento autonómico investiu 200.000 euros.
A segunda fase de reformas na casa, onde viviu os últimos anos da súa vida a autora galega, consistiu na rehabilitación do primeiro piso do inmoble, con actuacións como a instalación dun novo sistema de electricidade e iluminación, a eliminación de humidades, instalación de piso radiante e o acondicionamento da carpintaría.

Tamén se incorporou un sistema de seguridade e contraincendios, e na parte exterior mellorouse tanto a fachada coma o tellado.

Estas reformas son parte do proxecto de acondicionamento da Casa-Museo Rosalía de Castro, froito do convenio de cooperación asinado coa Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e cofinanciado mediante fondos FEDER.

Vázquez Abad explicou que o obxectivo desta intervención é 'impulsar o magnífico labor' da Fundación e destacou que mediante estas melloras se poderán continuar desenvolvendo actividades encamiñadas á 'ampliación do coñecemento e difusión do legado de Rosalía de Castro'.

Na visita á Casa-Museo tamén participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.

Este proxecto enmárcase nas necesidades para reformar o perfil museolóxico da Casa-Museo situada en Padrón, e así incorporar novas tecnoloxías audiovisuais e novos servizos para lles ofrecer un servizo máis completo aos visitantes, como informaron desde a Fundación.

Polo que, actualmente, a Fundación Rosalía de Castro, busca un novo financiamento para desenvolver o novo proxecto, deseñado por Xosé Barro.

Te puede interesar