Máis de 68.000 persoas visitaron a exposición 'Gallaecia Petrea' na Cidade da Cultura

A Consellería de Cultura celebrou este luns a boa acollida da exposición Gallaecia Petrea, que pechou as súas portas este domingo no Museo Centro Gaiás, da Cidade da Cultura, tras acoller 68.682 visitantes.
Así, Gallaecia Petrea contou coa visita dunha media de 271 persoas ao día dende a súa apertura ao público o 15 de xuño de 2012. En total, permaneceu aberta 253 días nos que o público puido coñecer o patrimonio pétreo galego dende a súa orixe ata a arte contemporánea.

Na última semana, cando a mostra se puido visitar de forma gratuíta, a exposición bateu 'records' con máis de 5.000 visitantes. O Venres Santo rexistrouse o máximo de público, con 840 persoas.

Ademais da mostra, Gallaecia Petrea deixa un 'amplo catálogo' de 650 páxinas, froito dun 'arduo labor documental e investigadora' na que participou un equipo formado por 76 expertos.

Comisariada por Miguel Fernández-Cid, Gallaecia Petrea ocupou os 6.600 metros cadrados do Museo Centro Gaiás dividida en seis áreas: Xeoloxía, Prehistoria, Roma, Medievo, Moderna e Contemporánea. Cada unha destas partes estivo, á súa vez, comisariada por un experto na área.

Xunto ás visitas regulares, Gallaecia Petrea contou cun 'amplo programa de actividades paralelas' co obxectivo de achegar a mostra a todos os públicos. Ademais das visitas para escolares, a mostra ofreceu visitas teatralizadas a través de A Fala das Pedras, e outras que combinaban danza en colaboración co Centro Coreográfico Galego.

Gallaecia Petrea tamén puxo atención no audiovisual, coa masterclass Cultura e Museos, impartida por Jorge coira, Belén Montero e Juan Lesta. Tamén estableceu vínculos con outras institucións.


NOVA EXPOSICIÓN

Os traballos de desmontaxe de Gallaecia Petrea comezaron este luns no Museo Centro Gaiás, un traballo que obrigará a manter o edificio ocupado ata o 18 de abril, cando teña lugar o festival musical Galician Connection.

O Museo Centro Gaiás volverá abrir diariamente as súas portas finais de maio, cando acolla a súa segunda grande exposición 'Orinoco. Viaxe a un mundo perdido', da Fundación Cisneros.

Te puede interesar