Ramón Piñeiro, o filósofo da saudade

Ramón Piñeiro. (Foto: Arquivo)
O Día das Letras Galegas, data que a Real Academia Galega lle dedica a unha figura destacada da cultura de Galicia, homenaxeará este ano a Ramón Piñeiro (Láncara 1915/Santiago 1990), considerado o filósofo da saudade.
A diferenza doutros autores galegos Ramón Piñeiro non deixou unha intensa obra publicada, pero os seus escritos sobre a filosofía da saudade e súas traducións de destacados filósofos foron considerados pola RAG ‘un paso decisivo’ para a normalización da lingua galega.

Nas súas deliberacións, o plenario da RAG considerou a Ramón Piñeiro ‘unha referencia moral indiscutíbel e necesaria para as novas xeracións’.

A Academia puxo especial énfase ao referirse á ‘dedicación total e desinteresada’ da vida do intelectual e político galeguista na defensa de Galicia e da súa cultura.

Xa que logo, o plenario da Real Academia Galega considerou que Ramón Piñeiro é ‘unha referencia moral indiscutíbel e necesaria para as novas xeracións’.

Con apenas 17 anos, mentres estudaba o bacharelato en Lugo, Ramón Piñeiro ingresou nas mocidades do Partido Galeguista, época na que coñeceu a Otero Pedrayo e chegou a ser escollido secretario do comité provincial para o plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia, en 1936.

Loitou na Guerra Civil no bando nacional, e concluída esta, realizou estudos de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago. Desde 1943 participou na reorganización clandestina do Partido Galeguista e foi detido en 1946.

Ao abandonar o cárcere, instalado xa en Santiago, defendeu a loita cultural fronte á política, en pleno enfrontamento entre os galeguistas do exilio, radicados sobre todo na Arxentina, antifranquistas e republicanos, e os galeguistas ‘do interior’.

Interveu activamente na autodisolución do Partido Galeguista e en 1950 foi o principal valedor do grupo que fundou a Editorial Galaxia, que en pleno franquismo comezou a publicar libros en galego e sobre asuntos relacionados con Galicia. Piñeiro dirixiu a editorial e traballou nela até 1966.

Neste ano trasladouse aos Estados Unidos como profesor convidado da Universidade de Middlebury e un ano despois ingresou na Real Academia Galega.

Xa no ano 1985 recibiu a Medalla Castelao e , co restabelecemento da democracia, formou parte do primeiro Parlamento autonómico como deputado pola Coruña, como independente dentro das listas do Partido Socialista de Galicia.

En 1983 foi elixido primeiro presidente do Consello da Cultura Galega, cargo que desempeñaba no momento do seu falecemento. A comezos do ano 1993 o entón presidente da Xunta, Manuel Fraga, asinou o Decreto de creación do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Te puede interesar