Presenta un ERE extintivo a fábrica de portas de Barro (Pontevedra) afectada por un incendio

Os traballadores da empresa Comercial Vilanova empezan a recibir as cartas, que argumentan unha causa 'de forza maior'
Os traballadores da empresa Comercial Vilanova empezaron a recibir as cartas que notifican a aplicación dun expediente de regulación de emprego (ERE) extintivo, argumentando unha 'causa de forza maior'.

Esta fábrica de portas de madeira situada no municipio pontevedrés de Barro sufriu o pasado mércores 28 de marzo un incendio nas súas instalacións que deixou o tráxico balance de sete traballadores feridos e un operario falecido, Juan Ogando Ruibal, de 33 anos e veciño de Moraña.

A día de hoxe seguen hospitalizados en A Coruña e Ourense dous traballadores que sufriron graves queimaduras en diversas partes do corpo.

Segundo explicou a secretaria comarcal da Federación do Metal, Construción e Afíns de UGT, Lourdes Diz Lorenzo, a presentación por parte da dirección de Comercial Vilanova dun ERE extintivo 'evidencia que o empresario non ten intención de retomar a actividade da empresa de portas'.

'Extingue os contratos de todos os traballadores por causas de forza maior, co cal entendemos que, sabendo que tiñan sen utilizar un expediente de suspensión, se a intención fose seguir probablemente se acollerían á primeira posibilidade', declarou.

'SOSPEITAS'

O pasado 11 de abril o secretario de Saúde Laboral de UGT-Galicia, Carlos Bellas, definía como 'sospeitosa' a proliferación nos últimos meses de sinistros en empresas que están en situación de crise ou directamente condenadas ao peche.

Este responsable sindical citou o caso concreto de Comercial Vilanova sinalando como 'moi significativo' que esta empresa estaba inmersa nun proceso de ERE, polo que UGT insta á Administración a que, coa máxima celeridade posible, se esclarezan as causas deste accidente. Pola súa banda, este sindicato está a 'mirar por esas indemnizacións aos feridos e qué responsabilidades hai'.

O lume deixou graves danos na nave de Comercial Vilanova, a estrutura, de máis de 30 anos, da cal se viu afectada seriamente polo lume e as altas temperaturas que se alcanzaron ao arder vernices, pinturas e madeira. Xunto á caída do tellado, a maquinaria quedou calcinada, ademais de camións e turismos que foron pasto das lapas.

Te puede interesar