Os nacionalistas fan un chamamento a todos aqueles que 'non están dispostos a renderse'

O BNG centrará o 25 de xullo en que Galicia 'poida decidir'

Prado e Pontón, na presentación dos actos co 25 de xullo. (Foto: VICENTE PERNÍA)
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) chama a todos os que 'non están dispostos a renderse' a participar de forma 'masiva' na manifestación que, como todos os anos, os nacionalistas organizarán polas rúas de Santiago de Compostela con motivo do Día da Patria Galega, o 25 de xullo, e na que reclamarán 'máis dereito a decidir' para Galicia.
A marcha, que discorrerá como sempre ata a Praza da Quintana, realizarase baixo o lema 'Estamos por Galiza, a favor do pobo. Soberanía, democracia e traballo', e buscará reivindicar a autoestima galega e ao BNG como 'instrumento de país' para mellorar as condicións de vida dos galegos. Por iso, o lema sintetiza os tres eixes principais que motivan a marcha deste ano 'soberanía, democracia e traballo', co fin de proclamar, que 'o nacionalismo si ten alternativas fronte á falta de propostas' dos demais partidos, tal e como explicaron en rolda de prensa a secretaria de Organización do Bloque, Montse Prado, e a responsable de Imaxe e Propaganda da Executiva, Ana Pontón.


SITUACIÓN DE EMERXENCIA

'Ante a situación dramática e de emerxencia nacional é preciso reclamar que se tomen medidas que revertan as consecuencias da crise económica en sectores', explicou Montse Prado,' como o naval.' 'Hai miles de persoas dispostas a non se render', remarcou a secretaria de Organización, quen se mostrou 'convencida de que hai miles de persoas' que quererán 'acompañar ao BNG como forza política propia'.

Os nacionalistas celebrarán esta manifestación no medio do proceso preasambleario que culminará en outubro co plenario da Asemblea Nacional do BNG, na que renovarán os cargos de dirección e elixirán candidato á presidencia da Xunta. Neste sentido, Montse Prado descartou que inflúa na celebración do 25 de xullo, que para o Bloque supón o peche do curso político, e recordou que a asemblea forma parte dun proceso ordinario da formación.

Te puede interesar