O BNG critica a actuación de bombeiros no incendio dunha empresa de Barro (Pontevedra) no que morreu un empregado

O Grupo Provincial do BNG na Deputación de Pontevedra criticou a actuación dos bombeiros no incendio que afectou á fábrica de madeiras Comercial Vilanova no municipio Barro no que faleceu o operario Juan Ogando Ruibal, de 33 anos e veciño de Moraña, quen foi enterrado este venres.
As críticas foron postas de manifesto no transcurso do pleno da institución provincial mentres se debatía un dos puntos da orde do día, sobre a disolución do Consorcio contra incendios da comarca do Morrazo e a súa integración no Consorcio Provincial de Pontevedra.

Nun momento da sesión tomou a palabra o portavoz do grupo nacionalista, Cesáreo Mosquera, para demandar ao presidente da institución que esixa 'unha maior profesionalidade e formación a estes parques para evitar que se repitan situacións como a vivida esta semana na fábrica de portas'.

Mosquera cualificou a actuación dos bombeiros como 'un atentado contra todas as normas e protocolos de actuación' e citou un exemplo 'permitir a presenza de persoas ao redor por que se chega a ocorrer o que era previsible podería haber máis desgrazas'.

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, pola súa banda, agradeceu 'este comentario' e puntualizoulle que o municipio de Barro non está dentro do consorcio, nin do ámbito de actuación. 'Pero temos que darlle cobertura', sinalou.

Louzán, que estivo presente no lugar do suceso durante o incendio, asegurou que 'os primeiros en chegar foron os bombeiros do consorcio do Salnés e despois os do municipio de Pontevedra e a continuación fóronse sumando efectivos dos distintos parques da deputación'.

'Cando chegaron os de Pontevedra, como hai de cando en vez colisións desde o punto de vista do ámbito persoal, dixeron aquí ou levamos nós a xestión, ou se non, non actuamos, dixeron os de Pontevedra, segundo a información que eu teño e estaba presente', explicou Louzán á corporación provincial.

Te puede interesar