O 74% DOS MOZOS USA MáIS CASTELáN

A cifra de persoas que fala habitualmente galego cae 12 puntos en 10 anos

O 37% dos fillos fala sempre en castelán cos seus pais, aínda que o ámbito familiar segue sendo a principal vía de aprendizaxe

A cifra de persoas que fala habitualmente en galego caeu 12 puntos nos últimos 10 anos e o 74 por cento dos mozos da Comunidade menores de 15 anos utiliza sempre ou principalmente o castelán para comunicarse.

Así o evidencia a enquisa sobre coñecemento e uso do galego elaborada polo Instituto Galego de Estatística (IGE) con datos de 2013 e feita pública este venres.

Segundo esta enquisa, o 31,2 por cento dos galegos fala habitualmente en galego, unha porcentaxe similar ao de 2008 pero 12 puntos por debaixo do índice rexistrado hai 10 anos.

Así mesmo, a porcentaxe de poboación que fala máis en galego que en castelán diminuíu 6,44 puntos con respecto a 2008 e sitúase no 20,29 por cento, mentres que os que falan máis castelán que galego son o 22,26 por cento. Algo máis do 26 por cento dos residentes en Galicia falan sempre castelán, seis puntos por enriba dos datos de 2008.

POR IDADES

Non obstante, o IGE fai fincapé en que o uso do galego é desigual dependendo da idade da poboación. En concreto, o 52,74 por cento dos maiores de 65 anos falan habitualmente en galego, mentres que o 74,88 por cento dos mozos menores de 15 anos utiliza sempre ou maioritariamente o castelán.

Nesta liña, o 57,31 por cento dos galegos asegura que sabe falar este idioma "moito", fronte ao 13 por cento que o fala "pouco ou nada". Entre os menores de 15 anos, a poboación que sabe falar pouco ou que nada galego se incrementa ata o 22,7 por cento.

A familia segue sendo a principal vía de aprendizaxe do idioma, onde aprenden galego o 82,17 por cento das persoas. No ámbito dos menores de 30 anos a escola supera a familia como medio de aprendizaxe.

No ámbito familiar, o 41,56 por cento das persoas que teñen fillos fálanlle sempre en galego e o 31,66 por cento sempre en castelán. Pola súa banda, o 37 por cento dos fillos fala sempre en castelán cos seus pais.

ÁMBITO EDUCATIVO

Segundo os datos do IGE, nos últimos cinco anos produciuse unha caída de algo máis de 12 puntos na porcentaxe de estudantes que reciben todas as clases en galego, ata situarse no 2,15 por cento en 2013.

A porcentaxe de alumnos que reciben o ensino maioritariamente en galego é do 43,7 por cento --2,86 puntos menos que en 2008-- e o de escolares que recibe clases principalmente en castelán incrementouse 18,3 puntos, ata o 51,08 por cento.

Dentro do ámbito social, o uso exclusivo do galego está máis estendido nas relacións entre amigos. De feito, o 33,1 por cento dos galegos habitualmente utilízao coas súas amizades. Non obstante, o 35,45 por cento utiliza o castelán para comunicarse cos profesores dos seus fillos e o 34,24 emprégao cos médicos.

O 30,10 por cento dos ocupados galegos fala sempre galego cos compañeiros de traballo e o 18,37 por cento utiliza máis galego que castelán. As persoas que empregan habitualmente o galego cos seus superiores non chega ao 40 por cento.

ÁREAS XEOGRÁFICAS

No ano 2013, no 22,21 por cento dos fogares galegos todos os seus membros falaban habitualmente só en galego. Esta porcentaxe diminuíu 2,11 puntos con respecto a 2008.

Por áreas xeográficas, a zona Carballiño - O Ribeiro, así como a área de A Coruña Sur-oriental, son as que presentan maiores porcentaxes de fogares nos que todos os seus membros falan habitualmente en galego -- por enriba do 52 por cento--.

No outro extremo atopa a área da Coruña, cun 10,81 por cento; a de Ourense, cun 10,38 por cento; e a de Vigo, cun 7,48 por cento de fogares nos que todos os seus membros falan habitualmente en galego.

Te puede interesar