Feijóo propón 'a supresión de todos os vicevaledores' e a desaparición de dous órganos consultivos

Foto: EUROPA PRESS
Promete que non reducirá o soldo aos funcionarios e que 'este mes' iniciará trámites para rebaixar o dos directivos do sector público
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, propuxo este martes novas medidas enfocadas a 'seguir avanzando no camiño da máxima racionalización' e, neste sentido, defendeu 'a supresión de todos os vicevaledores' da institución autonómica do Valedor do Pobo.

Para iso, no Debate do Estado da Autonomía, o último da lexislatura, Feijóo avanzou que 'nas próximas semanas' se iniciarán contactos cos grupos parlamentarios, cos axentes sociais e cos axentes empresariais.

Na actualidade, o comisionado do Parlamento galego conta con tres vicevaledores, que levan as áreas de menor e novas tecnoloxías; dependencia e servizos sociais; e atención ao paciente. No organigrama do Valedor do Pobo tamén figuran unha Secretaría Xeral, unha xefatura de administración e servizos, seis asesores e o gabinete de comunicación.

Así mesmo, nos contactos para avanzar na racionalización administrativa, tamén se abordará a integración do Consello Galego da Competencia no Instituto Galego de Consumo (IGC) e a eliminación do Consello Económico e Social (CES), que actualmente preside Corina Porro -presente na tribuna de convidados da Cámara-, e a súa integración no conselo de Relacións Laborais.

REBAIXA DE SOLDO AOS DIRECTIVOS

Ademais, 'neste mesmo mes', tal e como garantiu Feijóo, 'iniciaranse os trámites para rebaixar o soldo dos directivos do sector público' e que as súas percepcións sexan 'homologables' ás que perciben os directivos as Consellerías da Xunta. Tamén se fixará que os membros dos consellos de administración non inclúan maiores remuneracións que as dun director xeral.

Saíndo do ámbito autonómico, recordou que a Xunta, xunto coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), presentará 'neste semestre' unha táboa racional e proporcional de retribucións e custos de corporacións locais, en función de 'criterios obxectivos'.

'SENTIDO COMÚN'

Estas medidas enmárcanse na liña do 'sentido común, a austeridade, a racionalidade, a disciplina contable e a eficiencia' que Feijóo iniciou dende a súa chegada o cargo, en 2009, 'adiantándose ao que hoxe é unha esixencia para todos e que xa é asumido, tamén por todos, como imprescindible'.

Referiuse así á redución dos altos cargos na administración e na estrutura periférica da Xunta, así como ao recorte en asesores e publicidade; e ás medidas tomadas no ámbito da disciplina presupostaria, que sitúan a Galicia 'como a única comunidade, xunto con Madrid, con solvencia acreditada'.

En virtude destas medidas, como dixo Feijóo, Galicia 'logrou situarse enuna posición máis avantaxada que o conxunto de España' no 'custoso camiño cara á recuperación'. De feito, 'non terá que facer novos axustes en 2012', xa que será 'a comunidade de España na que menor impacto terá sobre as súas contas a corrección' de 26.500 millóns de euros nos Presupostos Xerais do Estado.

'RESPONSABILIDADE'

Seguindo este fío, puxo en valor o presidente a 'responsabilidade' do Executivo que lidera, pola que pediu 'esforzos' aos funcionarios, para reivindicar que 'hai cousas' que a Xunta 'non fixo nin tivo que facer', como 'limitar as baixas dos traballadores' -como en País Vasco- ou analizar a posibilidade dun ERE na administración -como en Extremadura-.

Tampouco terá que volver reducir' o salario dos funcionarios, 'como si fixo o anterior Goberno socialista', asegurou Feijóo, para insistir en que a Xunta 'non reducirá os soldos dos seus 90.000 empregados públicos'. 'Non o fixemos e non o faremos', comprometeu, para contrapoñer esta medida coa supresión do plus de altos cargos, algo que fixo Galicia e 'non fixo ningunha comunidade'.

Te puede interesar