IDIOMA

Jesús Vázquez ve a familia e os xogos, onde menos se emprega o galego

Para o Conselleiro de Educación non é un problema político, senón "do conxunto da sociedade"

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, lamentou onte que os ámbitos "familiares" e "de xogos" sexan lugares onde "non se emprega o galego".

De feito, para Vázquez Abad, o "problema" non se atopa dentro a escola, senón ao saír dela. "O problema é que, unha vez que se sae da escola, nos ámbitos máis inmediatos de xogos ou familiares, non se emprega o galego", precisou.

Así se pronunciou o conselleiro de Educación tras ser preguntado -unha vez finalizado o XIV Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da Universidade de Santiago de Compostela (USC)- pola enquisa do Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre o uso do galego.

A raíz desta pregunta, Vázquez Abad apostou por unha "valoración xeral" do que está a pasar na sociedade galega que teña en conta a "estrutura demográfica" da devandita sociedade. E é que o conselleiro de Educación fixo fincapé no "abandono do rural", que presenta "practicamente un cero por cento de natalidade".

De feito, sostén que a "escasa natalidade" que presenta Galicia corresponde ás "zonas urbanas castelá falantes". "A partir de aí, si que temos aínda unha maior presenza do galego que do castelán na sociedade", asegurou Vázquez Abad, xusto antes de remarcar que "se"volve reiterar o compromiso do bilingüismo dentro do sistema educativo".

Para concluír este tema, o conselleiro de Educación asegurou que a situación do galego "non é un problema da administración política", senón un "problema conxunto da sociedade". "En canto ao que é o uso da nosa lingua máis alá do traballo e da escola", puntualizou Jesús Vázquez.

Te puede interesar