MÚSICA

'Rústica', unha historia de amor por Galicia feita disco

Cristina Pato (i) y Davide Salvado (d)
photo_camera Cristina Pato (i) y Davide Salvado (d)

O disco é unha singular proposta entre catro grandes personalidades da música galega, Cristina Pato, Davide Salvado, Anxo Pintos e Roberto Comesaña

'Rústica' é o resultado, en forma de disco, dunha "historia de amor" entre catro grandes personalidades da música galega, Cristina Pato, Davide Salvado, Anxo Pintos e Roberto Comesaña, todos eles responsables máximos dunha singular proposta que sae hoxe ao mercado.

O proxecto feito realidade, contan nunha conversa coa ·fe dous dos artífices deste "feitizo", Cristina Pato e Davide Salvado, é resultado de encontros casuais, e de sincronización, afinidades e varios descubrimentos mutuos entre os seus integrantes.

Factores importantes, en definitiva, que xorden tras a decisión dunha "namorada", a gaiteira Cristina Pato, de chamar o seu namorado, neste caso os "seus tres mozos", para proporlles "unha relación".

"Seguíalles a pista e despois de soñar con eles constantemente tiven que os chamar", relata Pato tras a metáfora empregada para explicar cal foi o impulso que derivou nun traballo en común que trouxo esta artista asentada en Nova York "de volta para a casa".

Ademais da complicidade entre os catro, 'Rústica' mostra tamén un profundo amor polo patrimonio cultural de Galicia, a través de cancións antigas e tradicionais interpretadas e tocadas cun incrible desenvolvemento harmónico que as converte en actuais.

A gaita, o acordeón, a zanfona, os pandeiros e a propia voz son os instrumentos que transforman as oito pezas tradicionais que compoñen o disco, até chegar a unha versión moderna de temas tan arraigados como 'Asubíasme de lonxe'.

A maioría delas parten do repertorio de Davide Salvado, unha das voces máis carismáticas do panorama musical galego, e un mozo que percorre cada recuncho de Galicia na procura de ritmos, coplas e danzas.

Así é como obtivo unha descrición musical moi completa, xusto a que os catro músicos senten "dunha maneira moi parecida", detalla Salvado, ao que Pato se refire como "un cancioneiro vivente".

Foron tres os anos de xestación de 'Rústica', un tempo no que "deixarse levar" foi a directriz principal, algo que tampouco resulta difícil para eles, orgullosos do equipo formado.

De todas as maneiras, esta aposta, insisten, "non ten pretensións", non pretende ser un grupo, senón o resultado de desexar "facer algo os catro xuntos, a partes iguais", e así pariron un disco que, aínda que o intentasen, confesa a gaiteira, non serían "capaces de repetir", xa que como en moitas historias de amor, a primeira vez é a mellor.

Para Salvado tamén é un disco irrepetible, xa que "é moi onírico, como un soño feito música".

Os catro continuarán coas súas carreiras e proxectos en solitario, xa que o obxectivo que marcaron a primeira vez que se xuntaron, arredor dunha bandexa de arroz con bacallau, "quedou máis que cumprido" co lanzamento ao mercado.

Alén diso, confesa o cantante, por agora están nunha "burbulla allea á realidade" e non son conscientes da reacción da xente.

Non obstante, os catro móstranse dispostos a que se este proxecto gusta e consegue o seu espazo, facer unha xira conxunta en Galicia e para Galicia sería un "soño cumprido".

Para o cantante e a gaiteira o terreo musical galego está pondo os seus alicerces sobre unhas raíces profundas e vigorosas, que festivais como o 'Womex' ou o 'Galician Connection' regan para que continúe sólido e medrando.

Precisamente, sinala Cristina Pato, o laboratorio musical 'Galician Connection' do que ela é directora foi o "paso previo" de 'Rústica', despois de comprobar o máxico e bonito que xorde de "xuntar" artistas.

"Iso foi o que me axudou a levantar o teléfono", subscribe.

En definitiva, a fusión dunha eminencia da gaita como Cristina Pato, da zanfona, que cobra vida nas mans de Anxo Pintos, antigo integrante de Berrogüetto; e o acordeón de Roberto Comesaña, unidos ao compás da voz de Davide Salvado, levan ao público galego o seu folclore.

Te puede interesar