Albarellos vivirá a súa xornada entroideira o 4 de febreiro

encontro entroido albarellos
photo_camera Encontro en Albarellos nunha edición pasada.
Alberto Rodríguez: "Non queremos sacarlle nada a ningún pobo, a idea é xuntarnos e desfrutar"

Os veciños de Albarellos organizan o IV Encontro Preentroido. “É unha iniciativa que comezou fai catro anos co obxectivo de darlle vida ao noso pobo e facer algo entroideiro nas datas previas a súa celebración na comarca”, explica Alberto Rodríguez, veciño de Albarellos. 

Así, dende entón, todo aquel que queira participar pode poñer as súas chocas  saír a correr por Albarellos acompañado dos bombos do grupo Trebón do Mildeu. “Non queremos sacarlle nada a ningún pobo do redor, dado que xa o facemos un fin de semana que non hai nada, o que queremos é xuntarnos con xente que lle gusta correr coas chocas, o son dos bombos, xente disfrazada e pasalo ben, e así poder vivir algo de Entroido en Albarellos e darlle vida aos locais hostaleiros na época de inverno”, engade. 

encontro entroido albarellos 2
Chocas correndo polas rúas de Albarellos.

Este ano a cita celebrarase o 4 de febreiro. “Quedamos sobre ás 19,30 horas na praza Ángel Medeiros, e este ano hai moitas novidades”, remarca Rodríguez. Por primeira vez, os veciños de Albarellos organizan unha churrascada  ás 21,30 horas. Para desfrutar da velada cada comensal deberá abonar seis euros nos establecementos de Albarellos ou no número 649 74 81 27. Ademais, durante a xornada entroideira tamén haberá unha charanga para tocar nas paradas que faga a comitiva das chocas, así como un dj para o remate da cea. 

Ademais, os veciños tamén lanzan unhas rifas -por un euro- para poder financiar parte dos gastos que supón a organización do IV Encontro Preentroido de Albarellos. “Sortearemos unha cesta con produtos para un cocido tradicional que se fará coincidir co sorteo da lotería nacional do mesmo día, 4 de febreiro”, conclúe Alberto Rodríguez, orgulloso da iniciativa veciñal para crear movemento en Albarellos.

Te puede interesar