O Castelo de Monterrei recibiu durante a Semana Santa a 2.827 persoas

taller de Ramos SS23
photo_camera Unha das actividades organizadas para os cativos: facer ramos.
A maioría de visitantes proceden da comunidade de Madrid

A oficina de turismo de Monterrei atendeu durante a Semana Santa a 2.827 persoas, as que quixeron coñecer o Castelo de Monterrei ou participar nalgunha das actividades organizadas para nenos e maiores. “Obtiveron información na oficina de turismo, para coñecer e visitar a Acrópole, o concello de Monterrei, a comarca de Verín, a provincia de Ourense e mesmo toda Galicia”, sinalan os técnicos, os que desenvolveron as actividades e realizaron visitas guiadas.

A maioría dos visitantes achegáronse dende a comunidade de Madrid, pero tamén coñeceron Monterrei persoas de todo o centro da península e mesmo do sur, como visitantes andaluces “que veñen a coñecer -anotan- Galicia nesta época do ano”, así como da zona de levante e do País Vasco onde predominan familias con devanceiros na provincia.

Os técnicos da oficina sinalan que “a poboación insular das Canarias ten un pequeno aumento, con visitantes de Gran Canaria, Tenerife e El Hierro”. Xa a nivel internacional, Portugal continúa sendo o país con máis presenza na orixe, seguido de Francia e como proveniencias singulares a oficina atendeu a visitantes de Polonia, Australia e México.

A maioría dos visitantes coñeceron a Vila de Monterrei nunha parada de paso, entrando ou saíndo de Galicia, pero si que se constatou un aumento nas pernoitas na zona. Ademais, destacou ao longo da semana un aumento do turismo de autocaravanas, utilizando o entorno do Castelo para facer parada ou pasar a noite.

Te puede interesar