Formación

Femuro organiza gratuitamente o Foro de Igualdade sobre violencia de xénero

sede Femuro en Verín
photo_camera La sede de Femuro en Verín. (Foto: C.C.).
As xornadas serán no Auditorio de Verín o sábado 5 de xuño

Volve o Foro de Igualdade da Federación provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro). Este ano, a XVIII edición tratará sobre as diferentes manifestacións de violencia de xénero. 

Tras o parón pola pandemia, dende Femuro queren volver rodar coas súas actividades, polo que o sábado 5 de xuño, no Auditorio Municipal de Verín, en horario de mañá, desenvolveranse estas xornadas gratuítas, para o que calquera persoa que desexe participar deberá reservar praza. 

Dende a Federación explican que "a causa da covid-19 temos prazas moi limitadas, se alguén está interesado, que se apunte canto antes para non quedar sen praza".

No XVII Foro da Igualdade participarán personalidades como María Isabel Garrido, presidenta de Femuro, Diego Lourenzo, tenente alcalde de Verín, Pilar García, avogada especialista en violencia de xénero, ou Susana López, secretaria xeral de Igualdade, entre outros.

Ao longo da mañá do 5 de xuño, formarase aos participantes en protocolos de actuación con vítimas de violencia de xénero. Tamén se falará sobre a industria da prostitución e os recursos que a Xunta de Galicia destina para a prevención de violencia de xénero e atención ás súas vítimas.

Ludoteca violeta

Ademais, dende Femuro presentan actividades lúdico educativas infantís con perspectiva de xénero durante os meses de xullo e agosto en horario de 9,00 a 14,00 horas. 

"Femuro verán violeta" está destinado a nenos de entre 4 e 12 anos e realizaranse actividades como xogos no exterior, manualidades, obradoiros sobre igualdade de xénero, pequenas excursións e "moito traballo de valores positivos: solidariedade, xestión de emocións, coidado do medio ambiente, cooperación ou amizade", destacan dende a Federación.

Te puede interesar