Unha andaina pola igualdade percorrerá o río Arenteiro

A Concellería de Igualdade e Benestar do Carballiño prepara unha serie de actividades co gallo da data do vindeiro 8 de marzo, na que se conmemora o Día Internacional das Mulleres. Así, a responsable deste departamento municipal, Purificación Alberte, anunciou a convocatoria dun concurso de fotografía centrado no tema 'Mulleres no rural', coa colaboración da asociación 'O Potiños'.
Neste certame poderán participar fotógrafos profesionais ou afecionados, que deberán presentar ata o 5 de marzo un máximo de tres imaxes en cor ou branco e negro nas dependencias do Centro de Información á Muller, sito na rúa Faustino Santalices. A organización entregará tres premios de 150, 100 e 50 euros, e fará unha escolma das fotografías para expoñelas na Casa do Concello. Por outra banda, o 4 de marzo está prevista a primeira edición da andaina solidaria 'Carballiño camiña pola igualdade', coa acuda do clube de senderismo 'Rillamillas'.

Os participantes partirán ás 10,00 horas dende a Praza Maior para percorrer un total de 10 quilómetros polo río Arenteiro, pasando polas localidades de Arcos, Pol, Mosteiro, Paciños e Mudelos ata chegar de novo ó casco urbán. Finalmente, a Federación de Mulleres Rurais (Femuro) proxectará o vídeo 'Pegadas de muller' e haberá unha exposición de murais elaborados por estudantes do Instituto de Secundaria de Señorín.

Te puede interesar