O fiscal xeral clausurou no Carballiño o congreso galego dos colectivos con propiedade veciñal

Carlos Varela insta á defensa legal dos montes comunais

Un momento da reunión.
A necesidade da publicación dunha nova Lei de Montes que 'complemente os usos forestais e agrogandeiros coa diversidade de servizos que pode aglutinar na actualidade os montes veciñais', foi un dos plantexamentos que na tarde de onte expresou o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela García, na clausura do cuarto Congreso Galego de Comunidades de Montes, no Auditorio municipal da vila do Arenteiro.
O xurista carballiñés do Tribunal Superior de Xustiza (TSXG) lembrou que 'os montes comunais representan 667.000 hectáreas de superficie do noso territorio e por elo forman parte do patrimonio galego, e é precisa unha política activa de modernización, nun novo escenario que se adapte ás necesidades da poboación e exista unha discriminación positiva da Administración pública cara este tipo de propiedades'.


TURISMO

Neste sentido, Carlos Varela avogou pola combinación do fomento das especies autóctonas coa gandeiría extensiva 'e a instalación de parques eólicos sempre que non atenten contra o medio ambiente e estén suxeitos a criterios de responsabilidade'. Ademais, o fiscal xeral citou 'as 370.000 hectáreas de monte que están incluidas na Rede Natura 2000 en Galicia, a meirande parte en terreos comunais, e que poden ser aproveitadas polos propietarios para actividades vencelladas ó turismo'.

Finalmente, Varela García citou a Lei 2006, 'na cal o Ministerio Fiscal pode actuar na defensa dos terreos de titularidade veciñal ante calquera agresión que sexa denunciada', aspecto no que instou ós comuneiros 'a que sigades a defender esta forma de propiedade colectiva'.

No mesmo acto, no que estivo presente o alcalde do Carballiño, Carlos Montes, a organización rendiu unha homenaxe ás comunidades de montes de Cabral e Teis, no municipio de Vigo, pola defensa dos 180.000 metros cadrados de terreos que o Estado desexa ocupar cunha ampliación do aeroporto de Peinador.

Te puede interesar