O CARBALLIÑO

Un censo permitirá o seguimento das persoas maiores

O obxectivo é mellorar a prevención e, sobre todo, reducir o tempo de actuación dos servizos de axuda en caso dalgunha incidencia relevante

A concellería de Benestar Social de Carballiño elaborará un censo de persoas maiores que viven soas, co obxectivo de facer un seguimento para poder axudalas no menor tempo posible en caso de que se produza algún percance. Este censo realizarase con carácter voluntario, polo que só se incluirán nel a aquelas persoas que o autoricen. De feito, Servizos Sociais propón que sexan estas persoas as que se inscriban voluntariamente. Con tal motivo, a concelleira de Benestar, Marina Ortega, mantivo onte unha reunión con representantes de Protección Civil, da Garda Civil, Policía Local, Servizos Sociais, Centro de Saúde e da Cruz Vermella, para analizar os pormenores desta proposta antes de poñela en marcha.

O obxectivo é mellorar a prevención e, sobre todo, reducir o tempo de actuación dos servizos de axuda en caso dalgunha incidencia relevante.

O incremento de persoas maiores que viven soas, e que poden sufrir nalgún momento un contratempo sen que poidan alertar a ninguén e sen que ninguén se decate, require o emprendemento de medidas que permitan efectuar un certo seguimento e dar aviso canto antes aos servizos de emerxencia, xa sexan de tipo médico ou de seguridade, segundo indicou Marina Ortega.

En ocasións, tárdanse horas ou incluso días en ter coñecemento dalgunha incidencia grave ocurrida a algún veciño, engade a concelleira, polo que se buscará a colaboración das asociacións veciñáis e incluso dos residentes máis próximos ás persoas inscritas neste censo, que porá en marcha o Concello do Carballiño.

Te puede interesar