As familias do municipio de Boborás con problemas de manutención disporán dunha axuda de 600 euros anuais

Cipriano Caamaño.
A Corporación de Boborás aprobou a primeira ordenanza de emerxencia social da comarca carballiñesa, que permite destinar 600 euros anuais a aquelas familias do municipio con dificultades de manutención, vestiario e mediciñas. Unha traballadora social encargarase da avaliar e informar ó Concello dos casos que poidan ser obxecto de concesión das axudas.
O equipo municipal de goberno de Boborás sacou adiante unha iniciativa orientada á tentar mellorar situacións de precariedade económica que poidan surxir entre os cidadáns, ó traverso da elaboración dunha ordenanza centrada na concesión de axudas que foi aprobada pola Corporación na derradeira sesión plenaria. O alcalde, Cipriano Caamaño, sinala que ‘o obxectivo destas axudas é paliar na medida do posible os problemas de falta de liquidez das familias que están con risco de exclusión social ou que atravesen dificultades nesta época de crise’.

A ordenanza municipal contempla a entrega dunha cantidade anual de 600 euros ‘para mercar alimentos, roupa ou medici ñas, sempre baixo a avaliación e informe previo da traballadora social, que visitará as diferentes parroquias de Boborás a fin de elaborar un censo’, apunta a tenente de alcalde, Eva Pardo.

Deste xeito, o Concello de Boborás convértese no primeiro da comarca en poñer a disposición dos veciños un sistema de apoio económico. A concelleira xustifica esta normativa, ‘xa que antes eran os servizos asistenciais da Mancomunidade carballiñesa a que xestionaba a concesión deste tipo de axudas, pero o financiamento correspondía á Xunta de Galicia’.


Éxito do premio de 500 euros ós bebés


Cipriano Caamaño anunciou hai dous anos a concesión dun ‘premio’ de 500 euros para os matrimonios asentados en Boborás que empadronaran os recén nacidos no municipio, ademais de 50 euros mensuais durante os dous primeiros anos para gastos. A medida repercutiu con éxito no fomento da natalidade e foron 12 os bebés rexistrados, cando a media dos últimos 20 anos era dun nacemento.

Te puede interesar