PSdeG e BNG esixen explicacións ao alcalde de Cea sobre a trama de facturas falsas

Os socialistas solicitan a súa dimisión 'inmediata' se se demostra a acusación e o Bloque reclama un pleno extraordinario en 72 horas


O Partido Socialista e o Bloque Nacionalista Galego reclamaron este venres a comparecencia do alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares; do presidente provincial do PP, José Manuel Baltar, e do líder do PP de Galicia e da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para explicar a súa relación coa rede de fraude fiscal destapada polo responsable do grupo empresarial 5 Jotas, José Manuel Costas.

Así comunicárono nunha rolda de prensa a secretaria de Organización do PSdeG e membro da executiva de Ourense, María Quintas, e o voceiro socialista en San Cristovo de Cea, Guillermo Fernández Dopazo, que esixiron 'a dimisión inmediata' do rexedor e do secretario de Cea en caso de que se demostren as acusacións.

Ademais, o Bloque conminou nunha nota de prensa a que, nun prazo máximo de 72 horas, se convoque un pleno extraordinario no concello 'para dar as explicacións oportunas e despexar todo tipo de dúbidas ao respecto'. Ao que engadiu que, no caso de que non aconteza no prazo requirido, 'o BNG pedirá outro tipo de responsabilidades'.

Trátase dunha petición que xorde despois de que Costas implicase o alcalde de San Cristovo de Cea,o popular José Luis Valladares, e o secretario do concello, na trama das facturas falsas que constitúe a maior rede de fraude fiscal investigada en Galicia. Segundo Costas, estas dúas persoas reclamáronlle 300.000 euros (dos que xa se entregarían 50.000) para escriturar uns terreos que xa estaban pagados e desbloquear unha obra nun polígono dese municipio.

Desta forma, os socialistas comunicaron que iniciarán as pertinentes dilixencias para que o alcalde 'dea as oportunas e pertinentes explicacións e relate os feitos documentalmente' - con datas, conversacións, documentos e expedientes de negociación - , e manifestaron que, 'en caso' de que non compareza, 'tamén deberá presentar a súa dimisión con carácter inmediato'.

Así mesmo, comentaron que os catro parlamentarios socialistas que representan a provincia ourensana farán unha 'interpretación ao presidente da Xunta' para saber 'se ten previsto adoptar algunha medida en relación con esta gravísima acusación'.


INVESTIGACIÓN ANTICORRUPCIÓN

Quintas e Fernández tamén anunciaron que solicitarán que se convoque con carácter de urxencia un pleno no concello de Cea, no que pedirán a creación dunha comisión de investigación, co obxectivo de 'aclarar todo o proceso concernente á tramitación dos terreos do polígono de Cea'.

Unha comisión que, aseguraron, pedirán tamén á deputación porque 'o alcalde estivo varias lexislaturas -no organismo provincial- onde exerceu varios cargos de responsabilidade política durante o período en que sucedeu esta trama'. Neste sentido, a secretaria de Organización alegou que 'hai que aclarar se se usou a deputación na xestión dos terreos -do polígono industrial-, na súa tramitación ou no cobramento ilegal'.

Igualmente, engadiron que tamén solicitarán a apertura dunha investigación por parte da fiscalía anticorrupción de Ourense. 'Estamos en momentos políticos - de corrupción esaxerada - e sociais - de moito paro - moi complicados, e os cidadáns necesitan que se aclaren as situacións e que respondan aqueles políticos que estean implicados en casos de corrupción'.


EXPLICACIÓNS

Quintas recordou que os feitos que se lle atribúen ao alcalde e ao secretario do Concello de Cea supoñen 'unha presunta trama de corrupción política, suborno e evasión fiscal', polo que esixiu 'a explicación inmediata do alcalde', porque 'os feitos son de tal gravidade que deben explicarse polos condutos políticos pertinentes'. 'Non vale unha nota de prensa', apostilou.

Ademais, destacou que 'é imprescindible que o presidente do Partido Popular de Ourense' declare, posto que, 'se resultan certos os documentos e se confirma que todo foi unha montaxe política do alcalde e do secretario do concello', estes feitos estarían 'en coñecemento do expresidente da Deputación e polo tanto o actual presidente'.

Finalmente, especificaron que Feijóo ten tamén que dar unha explicación convincente sobre esta denuncia e sobre se tiña coñecemento destas irregularidades', posto que 'tamén en campañas electorais vendeu as excelencias de todas as fábricas que se ían montar en Ourense e ían acabar co paro na provincia' e 'nas últimas eleccións asinou un novo convenio, que ía achegar 3 millóns de euros para finalizar o parque empresarial de Cea'.


'ESTE PROXECTO NUNCA NOS GUSTOU'

O voceiro socialista en San Cristovo de Cea aseverou que o proxecto do polígono industrial promovido por 5 Jotas 'nunca' lles 'gustou', pero que o apoiaron 'sen coñecelo porque prometían postos de traballo, ían acabar co paro na provincia de Ourense' e que non pediron 'máis explicacións' porque non querían 'que este proxecto se viñese abaixo'.

Finalmente, preguntados polos xornalistas sobre as declaracións do empresario, nas que aseguraba que a documentación que posúe vincularía 'a todos os partidos', os socialistas argumentaron que 'calquera irregularidade, veña de onde veña débese esclarecer absolutamente, porque é un beneficio para os cidadáns e, sobre todo, para aquelas persoas' que se dedican á política.

Te puede interesar