O CARBALLIÑO

O PSOE pide transporte municipal para os días de feira entre O Irixo e Carballiño

O portavoz Iago Fariñas tamén insiste en cubrir outras rutas necesarias para os veciños como son as sanitarias

O portavoz do grupo socialista do Irixo, Iago Fariñas Valiña, presentou unha moción instando ao goberno local do PP a crear un transporte público municipal, especialmente os días de feira, entre este concello e o Carballiño.

O concelleiro do PSOE afirma que a desaparición nos últimos meses do transporte que unía O Irixo co Carballiño os días de feira, obriga á veciñanza a coller o autobús escolar dos rapaces que van ó instituto do Carballiño ás 07,00 horas para voltar ás 12,00 horas. Por ese motivo, acusa ó goberno municipal de "maltratar á veciñanza, especialmente ós máis maiores e incomunicados, que teñen que ir ás 07,00 horas da mañá a unha feira que aínda non empezou para abandonala sen aínda ter rematado".

Os socialistas reclaman un transporte os días de feira a unhas horas adecuadas. Un transporte público municipal con preferencia para a xente máis maior, ou con limitacións en canto a súa mobilidade, ou que vivan sós. "Un transporte a ampliar con outras rutas entre parroquias e ata o núcleo urbano en resposta ás necesidades dos veciños", sinala Iago Fariñas. Engade que "debemos recordar que O Irixo é un dos concellos máis extensos da provincia de Ourense con 121,05 quilómetros, que está preto de Carballiño, de Lalín ou de Ourense pero ó mesmo tempo moi apartado debido á falta de comunicación que se foi perdendo nos últimos anos ante a pasividade do goberno". En conclusión, pide a posta en marcha dun servizo, ampliando con outras rutas entre parroquias e ata o núcleo urbano e que teña en conta necesidades como as sanitarias.

Te puede interesar