O CARBALLIÑO

As rúas e prazas mudan de cara cunha limpeza integral usando auga a presión

O plan de limpeza posto en marcha pola Concellería de Medio Ambiente iniciouse nos accesos á vila antes de celebrarse a Festa do Pulpo

O Concello do Carballiño continúa co plan de choque de limpeza de rúas e prazas, que nestes días se está a desenvolver no centro da vila. De feito, comezouse a limpar coa máquina a presión nas rúas Rosalía de Castro e Tomás María Mosquera (Rúa Principal )e as súas inmediacións.

O plan de limpeza posto en marcha pola Concellería de Medio Ambiente iniciouse nos accesos á vila antes de celebrarse a Festa do Pulpo, en rúas como 25 de Xullo, Galicia, Estrada de Pontevedra e Ribadavia e outras estradas de acceso ao Carballiño, facendo fincapé na limpeza de herbas, de tocóns e sumidoiros.

En días pasados, realizouse a limpeza en zonas máis céntricas como a Alameda e a Praza do Emigrante, para continuar coa Rúa Principal, a Praza dos Liborianos e Emilia Pardo Bazán.

A concelleira de Medio Ambiente, Érika Paz, agradece e destaca a colaboración e boa acollida dos establecementos comerciais e hostaleiros do centro urbano para facilitar os traballos que se están a realizar coa máquina a presión, "que comprensiblemente causa algún trastorno aos veciños nestes días, pero que repercutirá en beneficio de todos ao deixar limpas rúas e beirarrúas que levaban anos sen limpar", manifestaba a responsable deste departamento de Medio Ambiente.

A concelleira destacou ademais osesforzo para a limpeza das prazas con diferente tipo de pedra e diferentes porosidades do pavimento das mesmas que supón un maior traballo para deixalas correctamente limpas "xa que teñen moita suciedade acumulada dos últimos anos", concluiu.

Te puede interesar