BALANCE

Vinte mil persoas participaron no Nadal Cultural carballiñés

<p></p>
photo_camera A Praza Maior do Carballiño durante a celebración da Cabalgata de Reis

Ás actividades que se programaron no Auditorio municipal asistiron máis de 2.500 espectadores

O Concello do Carballiño fai un balance moi positivo da participación na programación do Nadal Cultural, calculando ao redor de 20.000 persoas que asistieron aos diferentes actos, con máis de 2.500 nos espectáculos ofrecidos no Auditorio municipal. O programa desenvólvese desde o pasado 2 de decembro, coa apertura da pista de patinaxe, ata este próximo 15 de xaneiro, cos monólogos de Touriñán. Precisamente, este humorista galego marca un novo hito dentro do ciclo “Carballiño Comedy2”, ao ofrecer tres funcións, o sábado e o domingo, con cheo absoluto do Auditorio municipal, que ten unha capacidade para preto de 430 persoas.

Xunto co monólogo de Enrique San Francisco, que tamén abarrotou a sala, e a obra musical infantil “Pinocho”, así como ciclo de cine infantil e a obra “O Apalpador”, máis de 2.500 persoas asistiron aos eventos celebrados neste recinto municipal. A asistencia sería aínda maior, se non fose que se tiveron que suspender as dúas representacións teatrais das compañías Teatro del Norte e Chévere por indisposición dun actor e dunha actriz, respectivamente.

Ademais do éxito dos monólogos, cuxas entradas esgotáronse hai xa varias semanas, e que continuarán coa actuación do humorista Ángel Martín o sábado 18 de febreiro,os eventos que suscitaron a maior participación foron o concerto de Dasoul e Danny Romero, na discoteca Isis Pharia; o baile de Nadal da sala Paulino; o concerto de Fin de Ano da Real Banda de Gaitas de Ourense; a Banda Escola de Gaitas do Carballiño e a Coral Polifónica Casino do Carballiño, no templo da Veracruz; tamén o III Festival de Canto de Taberna, e a Cabalgata de Reis.

Entre todos, ao redor de 20.000 persoas poideron disfrutar dos espectáculos e actividades programadas pola Concellería de Educación e Cultura e outras entidades colaboradoras.

Preparativos para o entroido

A punto de rematar este programa do Nadal Cultural co monólogo de Touriñán, as Concellerías de Cultura e Turismo xa traballan na programación dos próximos eventos festivos, que son o Entroido e a Festa da Cachucha, que se celebrarán a última semana de febreiro e primeira de marzo.  A Festa da Cachucha volverá a contar cun desfile de comparsas, na mesma línea dos últimos dous anos, e con moita animación musical nas rúas, co obxectivo de atraer a numeroso público ao Carballiño para degustar o tradicional cocido nos establecementos de hostalería. O programa do Entroido ofrecerá algunhas novidades, que se darán a coñecer unha vez estea rematado, destacando un ano máis o desfile que tradicionalmente se celebra o martes de Entroido un con gran éxito de participación.

Te puede interesar