Os alcaldes do Ribeiro destacan o valor do termalismo para o rural

Participantes na primeira xornada sobre o reto demográfico.
photo_camera Participantes na primeira xornada sobre o reto demográfico.
Participaron na primeira xornada dun ciclo para analizar iniciativas contra a despoboación

O antigo balneario de Cortegada acolleu a primeira sesión dun ciclo de xornadas que se desenvolverán en distintos lugares, organizadas pola Deputación de Ourense, coas que se pretende mostrar ao longo dos próximos meses o traballo que realizan a administración provincial e os concellos en iniciativas de reto demográfico. 

“Unhas xornadas que se configuran como espazos de debate, reflexión e transferencia de boas prácticas, ademais dun lugar para a innovación e o tratamento de temas de actualidade”, sinalou o vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández.

Fernández definiu o reto demográfico como “un fenómeno complexo que engloba diferentes dimensións e ten que enfrontar importantes desafíos como a localización xeográfica, a
dispersión, a despoboación, o envellecemento ou as dificultades para a prestación de servizos”, retos que, segundo afirmou, “esixen novas respostas desde a acción política, mudando o xeito de mirar cara o territorio”.

Cada sesión contará coa participación de representantes municipais, ademais da iniciativa privada, “que presentarán experiencias transferibles tanto a outros municipios como a nivel provincial”, destacou Rosendo Fernández, sen esquecer a posibilidade de abordar outros temas de interese para os concellos como o financiamento europeo, a política social ou a economía circular.

Participaron nesta primeira xornada a deputada de Reto Demográfico, Luz Doporto, alcaldes, concelleiros e representantes de iniciativas privadas. Luz Doporto e o director da área de Benestar da Deputación, José Juan Cerdeira, abriron a sesión falando do primeiro Plan provincial contra a Soidade non desexada, un plan que incorporará convenios piloto municipais de termalismo para as persoas que vivan soas.

O termalismo e a mobilidade foron outros dos temas seleccionados e na mesa redonda sobre termalismo participaron os alcaldes de Lobios, María del Carmen Yáñez; Cenlle, Rebeca Sotelo; Arnoia, Rodrigo Aparicio; Leiro, Francisco José Fernández; Bande, Sandra Quintas; Castrelo de Miño, Avelino Pazos, e o concelleiro de Turismo do Carballiño, Manuel Dacal. Os representantes destes sete concellos analizaron como un balneario contribúe á economía local, a importancia da posta en marcha de infraestruturas termais e como os municipios poden desenvolver estratexias de cooperación e promoción cos concellos limítrofes que posúen balnearios.

O alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez, falou dos vehículos compartidos; a representante do Consorcio da Ribeira Sacra, Alexandra Seara, dos autobuses lanzadeira, e o deputado Pablo Pérez do autobús no rural.

Te puede interesar