O Concello de Avión contará con nova rede de saneamento

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas adxudicou por preto de 740.000 euros a construción dunha nova rede de colectores xerais ademais da estación depuradora de augas residuais de Avión. A execución das obras dará comezo no mes de decembro, tras ser adxudicadas á empresa Cotragua, S.L. O obxectivo é a mellora do saneamento e depuración de varios núcleos de Avión, mediante a demolición de fosas sépticas, unificando a rede de colectores e tratando as verteduras nunha estación depuradora de nova construción.
A Consellería de Medio Ambiente decidiu levar a cabo esta actuación hidráulica xa que o Concello de Avión ten un sistema de saneamento moi deteriorado, debido basicamente á súa antigüidade. A rede de saneamento atópase en moi mal estado de conservación, vertendo a tres fosas sépticas incapaces de cumprir os obxectivos de calidade exixidos pola Comunidade Europea. O proxecto contempla a reposición dos colectores de fecais e a construcción dunha nova estación depuradora, que disporá de bombeo de auga bruta e peneira de compactación, entre outras características.

Te puede interesar